A mostra estará en Sanxenxo do 29 de setembro ao 6 de outubro en horario de mañá e tarde
Sanxenxo, 11 de setembro de 2025.- A artista barcelonesa Vicky Jordana exporá en Sanxenxo a súa obra naíf, do 29 de setembro ao 6 de outubro. Cun estilo único e persoal, a súa pintura destaca polas súas cores vivas e brillantes e polo relevo que teñen moitos dos seus personaxes. Tras ter exposto xa en Barcelona e en varios países como Francia, Polonia ou Eslovaquia, Jordana mostrará na Sala Nauta a súa última colección formada por 50 cadros, algúns deles realizados sobre taboleiros de madeira. “En Sanxenxo exporei os meus últimos cadros, algúns deles realizados sobre táboas que había nun palleiro que restauramos en Ourense que herdou o meu marido”, explica.
O seu amor pola pintura remóntase a corenta anos atrás de forma totalmente autodidacta. “Na miña casa sempre se fixeron moitas manualidades e tiñamos moito material, así que eu comecei a pintar”, apunta. A Sanxenxo traerá unha pequena mostra das súas máis de 2.000 obras realizadas con pintura acrílica. “Os meus cadros son alegres con moita cor e onde os animais teñen sempre un papel destacado. Por exemplo, eles teñen sempre cara sorrinte, os humanos debúxoos sen rostro, pero non sei o motivo”, explica.
A súa mostra poderá visitarse na Sala Nauta, de martes a sábado, en horario de 9:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.