Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PROPÓN A NAROM COMO ADXUDICATARIA DA HUMANIZACIÓN DA CONTORNA DO PAVILLÓN DE BALTAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A empresa realizará a actuación por 240.648 euros na que se inclúe unha nova pista de pump track e a mellora exterior do Centro de Día

Sanxenxo, 11 de setembro de 2025.- O Concello de Sanxenxo propón a Narom como adxudicataria da obra de humanización da contorna do pavillón de Baltar. A empresa, que realizará a obra por 240.648 euros, será a encargada de executar un proxecto que busca potenciar a zona de equipamento deportivo de Baltar cunha nova pista de pump track e integrar todas as zonas verdes baixo unha mesma estética. A actuación inclúese dentro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Con este fin, prántase a intervención da parte dianteira do pavillón como un proxecto paisaxístico que conecte coa zona verde do Centro de Día, xerando zonas de estancia sensiblemente chans na base do talude e no encontro entre os dous espazos coa soleira do pavillón. A actuación inclúe a instalación de bancos de formigón prefabricado con zonas de asento en madeira maciza e unha zona de pavimento duro pola que se poida camiñar.

Na parte exterior traseira do pavillón prántase unha senda realizada en zahorra cemento, ideal para a práctica deportiva, e unha zona central na que se colocará unha estación de adestramento. Tamén se pranta unha nova sementeira de céspede natural, respectando a arborado existente.

No xardín interior do Centro de Día instalarase un toldo sobre unha zona de soleira de formigón. Na zona verde de maior tamaño prántase a colocación de mesas e a xeración de zonas de estancia temporais. Na zona de céspede de menor tamaño prántase unha pequena pista de chave. En canto á edificación, debido ao mal estado da cuberta de metacrilato situada á saída do Centro de Día, prántase o seu substituto por unha de chapa tipo panel sándwich e a execución dun novo peche metálico que limite a zona das instalacións respecto á zona verde, así como a inclusión dunha nova porta de comunicación entre as dúas zonas verdes dianteiras.

Como equipamento, prántase a colocación do mesmo tipo de banco prefabricado de formigón con zonas de asento en madeira, dispostos na zona de céspede adxacente á circulación. A iluminación de todas as zonas verdes realizarase co mesmo tipo de báculo LED, de maneira que se unifique a imaxe final das intervencións.

Así mesmo, inclúese no proxecto a construción dun circuíto de pump track, que se poderá percorrer completamente cunha bicicleta sen necesidade de pedalear e só a través de impulsos mediante a inercia adquirida nos saltos e peraltes do circuíto e a propia habilidade do ciclista. Trátase dun circuíto no que se poderán practicar diferentes disciplinas de nivel avanzado con 84,80 metros de percorrido. Composto por un trazado de cinco rectas con diferentes perfís e cinco curvas formando peraltes.

Dentro deste espazo, inclúese unha zona para descanso, descompresión ou quecemento conectada por dous puntos diferentes ás pistas do pump track. Nesta zona sitúase a área de descanso con aparcabicis. Dado o tipo de circuíto, do que non existe normativa reguladora do deseño nin das características que debe cumprir, o deseño do proxecto requirirá de probas a realizar por bikers durante a execución do mesmo, comprobando así a súa adecuación aos requisitos que se esperan dun circuíto desta natureza.

0
0
0
s2sdefault