Recollerá o premio o vindeiro 23 de outubro en Coria del Río (Sevilla)
Sanxenxo, 17 de setembro de 2025.- A Asociación de Técnicos en Educación e Seguridade Viaria de Andalucía e a Fundación Smart Baby distinguirán o vindeiro 23 de outubro ao policía local de Sanxenxo, Abelardo Martínez, coa Medalla Extraordinaria ás Boas Prácticas en Educación Viaria. O acto de entrega terá lugar en Coria del Río (Sevilla) no Centro Cultural da Vila Pastora Soler, dentro do marco do VI Congreso Andaluz de Educación Viaria. Un novo premio que pon en valor a traxectoria do creador da marioneta do Poli Paco para achegar a seguridade viaria ás aulas. Este é o terceiro premio que recibe este ano tras ser distinguido coa Medalla de Ouro en Seguridade Viaria na 5ª Convención Nacional de Policías Locais sobre Mobilidade e Seguridade Viaria en Valladolid e a Medalla de Ouro en Educación Viaria no Congreso Global Mobility Call celebrado en Madrid.
En 2018 creáronse os Premios Atesvan-Fundación Smart Baby ás boas prácticas en educación viaria. Estes teñen como obxecto realizar un recoñecemento público principalmente a persoas e institucións locais, autonómicas ou estatais cuxa actuación no ámbito da Educación Viaria se fixese merecedora de tal distinción. Na primeira edición contaron coa colaboración da Dirección Xeral de Tráfico, agora foron organizados xunto á Fiscalía de Seguridade Viaria e o Concello de Coria del Río (Sevilla).
A súa marioneta 'Poli Paco' deu o salto en 2024 aos libros cunha tirada de 2.000 exemplares editada polo Concello de Sanxenxo. Tras iniciar a súa traxectoria impartindo formación en seguridade viaria en 2008, Abelardo Martínez creou a súa recoñecida marioneta en 2012, guiñol ao que seguiron outros como Ero o Bombeiro, o Avó Nicolás e a Poli Lola como unha forma de achegarse aos escolares.
Un traballo que foi merecedor doutros premios como a Medalla á Seguridade Viaria de Fesvial, o Premio RACE de Educación Viaria ou o galardón Ponlle Freo.