Sanxenxo, 19 de setembro de 2025.- A reforma integral do antigo colexio O Cruceiro avanza coa carpintería exterior e instalacións e divisións interiores para albergar un FP dual de Hostalaría e Restauración, unha biblioteca e un centro social para maiores. O proxecto tamén contempla a creación dun aparcadoiro, uns amplos xardíns e unha zona de descanso e lecer exterior con dúas pistas de petanca. “Esta actuación dotará á parroquia dun equipamento multixeracional en pleno centro urbano que, xunto coa remodelada Praza Pública, se converterán en eixo da actividade social e cultural”, dixo Telmo Martín. A obra está previsto que conclúa no primeiro trimestre de 2026.
O alcalde, Telmo Martín, acompañado dos concelleiros de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres; de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago; e de Educación, Nati Parada, visitaron esta mañá as instalacións cos directores de obra e técnicos da empresa adxudicataria para coñecer in situ os avances da obra.
O centro social ubícase na zona do antigo ximnasio e conta cunha superficie útil de 375 metros cadrados. Este espazo estará dotado de dúas zonas, unha destinada a un escenario con zona de baile e outra de cafetería, que poderán estar vinculadas ou ser independentes.
Na planta baixa tamén se instalará a nova biblioteca, cunha superficie de 185 metros cadrados, que contará cunha zona de estudo, unha zona infantil, outra de ordenadores, o arquivo e os aseos. Ademais, incluirá unha zona de lectura exterior cun pequeno patio axardinado no que se poderán realizar presentacións de libros ou obradoiros infantís.
Tanto a biblioteca como o centro cívico contarán con accesos, servizos e instalacións individuais, o que permitirá que funcionen de maneira independente ao resto do edificio, podendo ter, incluso, distintos horarios para a súa utilización.
Na primeira planta e na segunda, espazo que suma máis de 1.000 metros cadrados, ubicarase o ciclo profesional dual de Hostalaría e Restauración en modalidade de FP dual. As instalacións, que estarán unidas cun ascensor, estarán formadas por aulas polivalentes, un taller de cociña e office, taller de restaurante e un bar.
O obxectivo destas obras é converter este edificio nunha construción máis eficiente. Para iso, instalaranse paneis fotovoltaicos e iluminación LED, ademais de renovar a carpintería exterior e cambiar o illamento da fachada. A parte principal deste edificio, a máis grande, dedicarase á escola de hostalaría, o que tamén responde a unha petición tanto do alumnado como dos profesionais que precisan de man de obra formada.