Sanxenxo, 20 de setembro de 2025.- Medio centenar de familias participaron esta mañá nas distintas actividades incluídas na xornada organizada por Ponte a Conducir coa colaboración do Concello de Sanxenxo no pavillón de Nantes. O alcalde, Telmo Martín, acompañado de varios concelleiros de goberno como Xoán Pérez, Nati Parada, Yago Torres e Marcos Guisasola, acudiron á xornada para percorrer coa organización, presidida por Alba González, os distintos espazos de actividades entre os que tampouco faltou o Poli Paco, un dos símbolos de educación viaria, dentro e fóra do noso municipio.
Ademais, dentro da xornada pensada para nenos de entre tres e doce anos, había un circuíto de karts, peóns e ciclistas; un concurso de debuxo; un obradoiro de primeiros auxilios de Cruz Vermella; unha exposición de vehículos da Policía Local, Garda Civil e Brilat; un obradoiro sobre o mantemento e circuíto de bicicletas, así como charlas para as familias e unha aula de formación.
O lema do concurso de debuxo desta edición é “Comparte coche, protexe o planeta”. O obxectivo é que os nenos acheguen as súas ideas sobre seguridade viaria cunha imaxe. Ademais, do premio do xurado haberá un premio popular a través do Facebook de Ponte a Conducir no que gañará o debuxo con máis ‘gústame’.
Trátase do segundo ano no que Sanxenxo participa nestas xornadas converténdose en epicentro da educación e seguridade viaria adaptada a nenos e maiores. “Unha xornada de convivencia divertida, pero onde tamén se aprenden normas de tráfico que poden aplicar á súa vida cotiá”, valorou Martín.