Sanxenxo, 22 de setembro de 2025.- Hai xa meses que desde o Kannion Surf preparan a décima edición do Festival Rock & Long que se celebrará esta fin de semana en Sanxenxo. Xa hai preto de 70 inscritos nas probas de surf que reunirán aos mellores longboarders do territorio nacional. Pero a cita reúne cada ano a máis de 300 persoas, amantes do rock e do deporte acuático. “É unha forma de despedir o verán e de xuntarnos, xa son amigos”, explica Esmeralda Abal, propietaria do Kannion Surf. A cita, que arrinca o venres cos concertos de Nutrias e Playa Nudista, presentouse esta mañá. O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, felicitou aos organizadores por un evento “que se consolida ano tras ano no calendario de actividades como peche da tempada estival”, asegurou.
Tamén se entregan as mangas aos competidores e decídese a praia, Montalvo, Foxos ou A Lanzada en función de como estea o mar, para realizar o campionato de long board con dúas categorías open e Kahuna. “Aquí é o centro neurálxico ou o centro de operacións do festival e do avituallamento do que nos encargamos nós e Walter da parte deportiva”, explica Toño Abal, do Kannion.
O sábado 27 desde as 22 horas a música estará a cargo de Los Wavy Gravies e Dj Jorge Lorre e o domingo 28 desde as 12:30 horas será a quenda de Noite Pechada. A comida, un bocadillo de xamón asado, froita e auga envíase aos inscritos á propia praia. Tamén se contempla opción para celíacos. A inscrición inclúe a camiseta do festival que este ano se dedica a Océano Surf Club, primeiro club de surf de Galicia. Pola noite, para a cea servirase churrasco con sobremesa caseira con opción tamén para vexetarianos. O domingo é o día de convivencia grupal e no que se reúnen máis de 300 persoas arredor da “gran arrozada de peixes e mariscos” por un prezo popular de 10 euros.
Arredor do establecemento póñense distintos postos de artesanía de distinto tipo. Este ano virá un de obxectos realizados con lixo retirado do mar como novidade. Tamén haberá espazo para a lembranza e homenaxes. O festival lembrará a Fede Roldán, fundador do primeiro club de Galicia e escola de surf, e a Beni Oliveira, un fotógrafo recentemente falecido e que participaba no festival. “Pedimos que os que veñan traian unha foto de Beni para colócala polos ventás e facer que dalgunha maneira tamén estea aquí con nós. Hai moi pouca xente que non teña unha foto súa”, explica Esmeralda Abal.