Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REDOBRA A SÚA APOSTA POLO PROGRAMA “COIDÁNDOTE PARA COIDAR” CON 26 SESIÓNS CENTRADAS NA PROCURA DO BENESTAR DO COIDADOR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 25 de setembro de 2025.- O Concello de Sanxenxo redobra a súa aposta polo programa “Coidándote para coidar”, un plan pioneiro e gratuíto que a Concellería de Servizos Sociais e Maiores, dirixida por Paz Lago, puxo en marcha o ano pasado cunha grande acollida por parte das familias do municipio ao coidado de persoas dependentes. “Queremos coidar de quen coida e ser un soporte emocional e de axuda para todos eles”, explica Paz Lago.

Os obxectivos do programa son proporcionar apoio e habilidades prácticas e emocionais para persoas coidadoras informais e persoas maiores en situación de dependencia; crear unha rede de apoio de persoas coidadoras e fomentar hábitos saudables que axuden a afrontar a tarefa de coidar con maior fortaleza emocional e a saber pedir axuda, así como atender sen comprometer a súa saúde.

Nesta segunda edición o programa refórzase con dous grupos. Un, de continuidade ao do ano pasado, no que se realizarán terapias de grupo e autocuidado emocional, así como risoterapia e técnicas de relaxación, de 10:30 a 12 horas na Casa da Cultura de Adina. A actividade dará comezo o 29 de outubro e constará de 10 sesións.

Outro grupo dedicarase a persoas novas no programa, con 16 sesións repartidas en 5 bloques: Autocoidado emocional, información xurídica e recursos sociais, información médica sobre enfermidades que orixinan coidados, adaptación do fogar ás persoas dependentes e risoterapia e técnicas de relaxación. As sesións serán pola tarde, de 17:30 a 19 horas, tamén na Casa da Cultura de Adina, e darán comezo o 28 de outubro.

Lago incide en que se trata dun programa integrador que busca unificar todos os servizos sociais que se prestan neste municipio para dalos a coñecer e promocionalos. “Este programa pode ser o punto de partida para a derivación a outras actividades que tamén se prestan como o Obradoiro de Memoria ou a actividade física para maiores”, indica.

Desde a Concellería de Servizos Sociais, tamén se traballa nun novo programa especial pensado para os coidadores de persoas con alzhéimer ou demencia a través de grupos de apoio e charlas formativas da man de Afasal.

 

coidandote 1

coidandote 2

 

0
0
0
s2sdefault