O percorrido da proba será circular e discorrerá polo interior do piñeiro da praia de Montalvo
Sanxenxo, 6 de outubro de 2025.- A contorna de Montalvo, concretamente a zona do piñeiro, volverá ser este mércores e xoves escenario do Cross Escolar Xogade que impulsa a Xunta de Galicia. Na proba está previsto que participen 2.226 escolares de 26 centros educativos da comarca do Salnés con alumnado de Primaria e da ESO. A proba organizarase por categorías segundo a idade e o sexo do participante. A clasificación premiará aos dez máis rápidos de cada categoría, os tres primeiros con medalla e os outros sete con diploma.
O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, acompañado do xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides; o coordinador provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Guillermo Reinaldo, e o presidente da Agrupación Deportiva Val do Salnés, Xan Rodiño, presentaron esta mañá a proba na contorna de Montalvo. “É unha magnífica forma de compatibilizar o deporte e a convivencia entre escolares doutros municipios veciños”, asegura Guisasola.
O mércores a proba arrincará ás 10:45 horas con 859 participantes de Primaria e continuará o xoves, ás 10:15, con 1.367 de Primaria e ESO. O percorrido irá desde os 450 metros ata os 1.800 metros dependendo da categoría. Tras concluír a proba, o alumnado poderá recuperar forzas nunha zona onde se disporá de música e animación.
Os centros participantes son: IES Sanxenxo, CEIP A Florida, CEIP Abrente, CEIP Magaláns, CEIP Cruceiro, CEIP Portonovo, CEIP Armenteira, CEIP As Bizocas, CEIP Coirón, CEIP Rosalía de Castro, CEIP Valle Inclán, CEIP As Covas, CEIP Conmeniño, CEIP San Bartolomeu, CEIP San Roque, CEIP Xulio Camba, CEIP San Tomé, CEIP Castrelo, CEIP Enrique Barreiro, CEIP Corvillón, IES Basella, IES Francisco Asorey, IES Meaño, IES Monte da Vila, IES Ramón Cabanillas e IES Faro das Lúas.