Entre o 1 de xuño e o 30 de setembro Sanxenxo recibiu 509.042 viaxeiros que sumaron 2.118.632 pernoitacións
Sanxenxo, 3 de outubro de 2025.- O Big Data sobre a actividade turística que elabora Orange para a Mancomunidade do Salnés conclúe que Sanxenxo, nos 4 meses da tempada alta, de xuño a setembro, recibiu:
• 1.315.187 visitantes, persoas que viñeron a Sanxenxo durante o día pero que non pernoitaron no municipio.
• 509.042 viaxeiros que si pernoitaron en Sanxenxo e se aloxaron nalgún dos tres tipos de aloxamento existentes.
• Os viaxeiros sumaron un total de 2.118.632 pernoitacións. Se dividimos as pernoitacións polo número de viaxeiros, sae unha media de 4,16 pernoitacións por viaxeiro, que segundo o mes pode ser maior ou menor.
Sanxenxo conta con 90.539 prazas turísticas (4.560 máis que en 2023), distribuídas en tres tipos de aloxamento:
• 16.745 prazas en hoteis, pensións, apartamentos turísticos, casas rurais e cámpings.
• 17.264 prazas en vivendas de uso turístico.
• 56.530 prazas en segundas residencias.
Estes datos consolidan a Sanxenxo como o principal destino turístico do norte durante o verán. Se nos fixamos unicamente nas pernoitacións hoteleiras (INE), San Sebastián e Bilbao superan a Sanxenxo, pero este compénsao amplamente coas vivendas de uso turístico e as segundas residencias, que triplican a oferta destas cidades vascas.
En canto ao número de viaxeiros que pernoitan en tempada baixa, é dicir, de outubro a maio, haberá que agardar a finais de ano. Pero se tomamos como referencia o dato de 2024, foron 246.359 viaxeiros, unha cifra que hai só unha década ninguén podía imaxinar.