Concello de Sanxenxo - A HUMANIZACIÓN DA CONTORNA DA CAPELA DE ARRA AVANZA COA CANALIZACIÓN DE AUGAS PLUVIAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación, adxudicada por case 240.000 euros, é sufragada integramente a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Sanxenxo, 27 de outubro de 2025.- A humanización da contorna da capela de Arra avanza coa instalación da canalización de augas pluviais. A actuación, adxudicada por case 240.000 euros, é sufragada integramente a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

O alcalde, Telmo Martín, visitou esta mañá a obra que foi adxudicada a Marconsa e conta cun prazo de execución de tres meses. “Trátase de poñer en valor un núcleo poboacional de Arra con gran valor patrimonial e onde viven moitos veciños. Mellorarase a imaxe e accesibilidade”, asegura Martín.

Co obxectivo de potenciar este núcleo antigo de poboación, o goberno porá en marcha esta actuación que mellorará a seguridade viaria na zona e embelecerá a contorna. A capela de San Amaro é unha xoia arquitectónica da baixa Idade Media e, a escasos metros, atópase o Priorato de Arra que, no seu día, foi vivenda duns monxes beneditinos relacionados co Mosteiro de Armenteira e no que se investiron preto de 400.000 euros na súa rehabilitación.

As actuacións en execución terán como obxectivo mellorar o pavimento existente da zona, soterrar os cables aéreos de electricidade e telefonía e mellorar a iluminación nocturna da contorna da capela e dos viarios de acceso. Conservaranse os niveis orixinais das rúas, para o que se picará e levantará o pavimento existente, caixa-las para, posteriormente, rechear, compactar, abrir as gabias e terminar colocando o novo pavimento segundo cada caso, mantendo os desniveis e rasantes actuais. Tras as obras de urbanización, as cotas dos viarios non presentarán cambios reseñables.

Por outra banda, o alcalde tamén visitou esta mañá a mellora da Travesía Areal que está a punto de concluír e que consiste en recuperar un espazo de 706 metros cadrados para o goce do cidadán. Para conseguir este obxectivo, enlazouse peonilmente co mercado, rúas e xardíns lindeiros. Este proxecto adxudicado por 137.000 euros tamén se subvenciona a cargo do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Na contorna tamén se está executando o cambio da cuberta da zona da verdura e froitas da Praza de Abastos de Portonovo cun investimento de 31.048 euros de fondos municipais.

0
0
0
s2sdefault