Dous novos distintivos de calidade que certifican as boas prácticas medioambientais en ambos os espazos
Sanxenxo, 9 de decembro de 2025.- O Concello de Sanxenxo dispón de dous novos distintivos que reflicten o seu compromiso co coidado do medio ambiente e o crecemento sostible. O Instituto para a Calidade Turística Española e a Sostibilidade (ICTES) vén de certificar, por primeira vez, a “S” de Sostibilidade para a praia de Silgar e, por segundo ano consecutivo, para a empresa municipal Nauta Sanxenxo que xestiona o porto deportivo e o aparcadoiro. A nova certificación de Sostibilidade Turística constitúe un elemento diferenciador que achega un valor engadido.
O Concello establece unha política de xestión responsable e sostible para a praia de Silgar, baseada na mellora continua, o cumprimento normativo e a aliñación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Esta política fundaméntase nos seguintes piares:
Calidade do servizo
Garántese unha atención axeitada e homoxénea en limpeza, seguridade, socorrismo, sinalización, mantemento e accesibilidade. O obxectivo é ofrecer unha experiencia segura, confortable e satisfactoria para todas as persoas usuarias.
Sostibilidade ambiental
Adóptanse medidas para protexer a contorna costeira e mariña, promovendo un uso eficiente dos recursos, a redución de residuos e a conservación da biodiversidade na praia e na súa contorna inmediata.
Accesibilidade universal
A praia xestiónase como un espazo inclusivo, con infraestruturas e servizos adaptados a persoas con mobilidade reducida, seguindo os principios do deseño universal.
Seguridade e saúde
Establécense protocolos preventivos para garantir a seguridade das persoas usuarias, con vixilancia, socorrismo profesional e resposta ante emerxencias, así como unha sinalización axeitada dos riscos.
Participación e sensibilización
Impúlsanse campañas informativas, actividades de concienciación ambiental e espazos de participación cidadá para fomentar un uso respectuoso e responsable da contorna.
En canto á empresa municipal Nauta Sanxenxo, o seu plan céntrase nos seguintes obxectivos de desenvolvemento sostible:
Auga limpa e saneamento
Controlar o consumo de auga a través de indicadores e/ou contadores sectorizados por usos, fixando obxectivos para a redución da pegada hídrica; reducir perdas de auga; promover un uso responsable da auga entre o persoal, persoas usuarias e visitantes; sensibilizar ás persoas usuarias e visitantes sobre o uso responsable da auga.
Enerxía accesible e non contaminante
Uso de enerxías renovables e implantación de tecnoloxías de alta eficiencia e fomento e concienciación do uso responsable da enerxía non contaminante.
Acción polo clima
Accións divulgativas sobre a contorna mariña; calcular a pegada de carbono e establecer programas de redución/compensación; investir en tecnoloxías limpas e implantar sistemas de xestión medioambiental, enerxética ou de sostibilidade.
Vida submarina
Reducir os residuos sólidos presentes no fondo mariño da zona portuaria promovendo a saúde do ecosistema mariño local; mellorar a cantidade e calidade do equipamento anticontaminante adquirido (absorbentes, equipos de achique…), así como a formación do persoal sobre temas específicos de conservación mariña.