Sanxenxo, 10 de decembro de 2025.- As obras de rehabilitación integral do edificio do Centro de Interpretación de A Telleira avanzan cos traballos de drenaxe do exterior do edificio e cos muretes sanitarios desde a cimentación, co obxectivo de mellorar o illamento e evitar a entrada de humidades.
O alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, visitaron esta mañá as obras, que está previsto que rematen o vindeiro mes de febreiro. A actuación finánciase a través dos fondos Next Generation e ten un custo de 759.940 euros.
O edificio, construído no ano 2003, conta cunha superficie de 2.504 metros cadrados. O obxectivo principal da rehabilitación é mellorar a eficiencia enerxética do edificio mediante:
• Compartimentación espacial interior para unha climatización independente.
• Instalación de sistemas de ventilación e climatización adaptados a criterios de máxima eficiencia.
• Mellora dos sistemas de illamento e drenaxes.
• Optimización da iluminación con tecnoloxías de baixo consumo.
Ademais, ordenarase a parcela circundante para crear un pequeno aparcadoiro acoutado, evitando a dispersión actual de vehículos.
A redistribución do espazo interior incluirá:
• Sala de exposición permanente (843 m²)
• Sala multiusos (53,56 m²)
• Espazo para obradoiros de interpretación (132 m²)
• Almacén (116 m²)
• Centro de documentación (76 m²)
• Sala audiovisual (85 m²)
• Sala de exposición itinerante (196 m²)
• Tenda temática (25 m²)
• Outras áreas como aseos, oficinas e soportal
Esta rehabilitación procura mellorar as condicións do edificio para o desenvolvemento das actividades previstas orixinalmente, elevando os estándares ambientais interiores e a eficiencia enerxética.