Autoridades, membros do sector turístico e colectivos de Noalla percorreron as estancias e gozaron dun showcooking de Pepe Vieira
Sanxenxo, 13 de decembro de 2025.- Sanxenxo inaugurou esta mañá o Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas no Pazo de Quintáns. Un novo recurso turístico único en Galicia que unifica patrimonio, paisaxe e gastronomía na parroquia de Noalla e que acollerá, ademais, a sede da Concellería de Turismo. O alcalde, Telmo Martín, acompañado dos presidentes da Xunta, Alfonso Rueda, e da Deputación, Luis López, así como doutros alcaldes da comarca, membros do goberno, do sector turístico e colectivos de Noalla, visitaron as distintas estancias temáticas.
A través de paneis interactivos e estancias didácticas e visuais, realizaron un percorrido pola orixe do produto da horta e do mar, a evolución da cociña e a beleza da paisaxe para finalizar a visita cun showcooking e cata de viño a cargo de Pepe Vieira e Miguel Besada na sala de degustación. Á saída realizaron un paseo polo xardín que culminou no edificio de nova construción denominado “As Salinas”, cuxo nome fai referencia á comarca do Salnés e ás antigas salinas de Noalla, onde se puido gozar dunha degustación do chef con dúas Estrelas Michelin.
Durante a súa intervención, o alcalde lembrou que o Concello adquiriu o Pazo de Quintáns en 2005, por 1,2 millóns de euros. O edificio, que en 2017 foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC), foi obxecto en 2019 dunha profunda rehabilitación con fondos propios, europeos e estatais. “Este Centro queremos que sexa un símbolo da Galicia Calidade, un embaixador da gastronomía das Rías Baixas, un espazo único que merece Noalla e un novo recurso turístico co que conta Sanxenxo”, incidiu.
O presidente da Deputación, Luis López, destacou “a complexidade do proxecto” e incidiu en que se as Rías Baixas “están de moda é en parte culpa de Sanxenxo e do seu alcalde”. “Parabéns ao alcalde e ao presidente da Xunta pola aposta por este Centro, reafirmar o compromiso da Deputación e celebrar a nosa gastronomía”, apuntou.
Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, apuntou que o Centro da Cultura Gastronómica “é o expoñente perfecto da Galicia Calidade” e “hai poucos sitios públicos como este polo que, por suposto, contade co apoio da Xunta de Galicia”.