Sanxenxo, 12 de decembro de 2025.- Sanxenxo celebrou esta mañá a Mesa Local de Violencia de Xénero, presidida polo alcalde, Telmo Martín, na que se realizou unha valoración da situación e evolución da violencia de xénero en Sanxenxo no que vai de ano. Ademais, abordáronse posibles melloras nos protocolos de actuación que redunden nunha mellor atención á vítima e na prevención de novos casos. Na Mesa estiveron os concelleiros de Servizos Sociais, Paz Lago, e de Seguridade Cidadá, Xoán Pérez. Tamén acudiron a xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez, así como representantes da Policía Local, Garda Civil, equipo VioXén, Centro de Saúde de Baltar e CIM de Sanxenxo.
Na actualidade, Sanxenxo ten 38 casos activos de violencia de xénero, segundo o último informe VioXén e que supón o 1,98% do total da provincia. Non existe ningún de risco extremo, pero si dous de risco alto, 6 de risco medio e 30 de risco baixo. En canto á idade tanto de agresores como de vítimas, concéntranse en dous tramos de idade, de 31 a 45 anos, 14 casos, e de 46 a 64, 16 casos. “Sanxenxo é un bo exemplo de traballo en coordinación entre as distintas forzas de seguridade e os integrantes da Mesa”, dixo María José Rodríguez. Tamén o alcalde lembrou a importancia da celebración destas mesas para “seguir loitando contra esta lacra”. Proba do compromiso do Concello de Sanxenxo é o protocolo de actuación para a derivación a aloxamentos locais de vítimas de violencia de xénero en casos excepcionais e de urxencia, un documento pioneiro na provincia. “Imos ver de reforzalo con servizo de transporte e atención a menores ou persoas dependentes da vítima”, asegurou o alcalde.
En canto aos datos do CIM, Lago explicou que actualmente o servizo municipal atende a 204 mulleres, non todas acreditadas como de violencia de xénero, e a 12 menores. Ademais, neste período de 2025, desde o CIM, proporcionouse atención psicolóxica a 85 mulleres, tramitamos 12 axudas por violencia, 9 subsidios, 3 axudas por alugueiro por violencia, 3 solicitudes de bono social térmico, realizamos 25 informes acreditativos, 6 axudas de pago único e 8 novos Atenpros.