Concello de Sanxenxo - O CONCELLO E A UNIVERSIDADE DE VIGO REFORZAN O SEU COMPROMISO CO ENVELLECEMENTO ACTIVO CUNHA MASTERCLASS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actividade celebrouse no pavillón de Baltar e contou con 150 maiores, inscritos no programa municipal de Educación Física para Maiores.

Sanxenxo, 23 de decembro de 2025.– Máis de 150 persoas e 40 alumnos do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte da Universidade de Vigo participaron nunha masterclass de exercicio físico organizada no pavillón de Baltar. A sesión foi dirixida polo especialista Ignacio Rebollo e contou coa presenza da concelleira de Asuntos Sociais, Paz Lago, xunto aos profesores José Mª Cancela e Rosana Fernández.

Este evento, que se celebra anualmente, forma parte dunha colaboración estratéxica entre o Concello de Sanxenxo e a Universidade de Vigo que se mantén desde hai máis de 25 anos. Ao longo deste tempo, ambas institucións impulsaron programas pioneiros para a promoción da saúde e a mellora da calidade de vida das persoas maiores, consolidando Sanxenxo como un referente en Galicia en materia de envellecemento activo.

A iniciativa non só busca fomentar a práctica segura e adaptada de exercicio físico na poboación maior, senón tamén xerar transferencia de coñecemento entre o ámbito académico e a sociedade. Os estudantes teñen a oportunidade de vivenciar metodoloxías innovadoras en contornos reais, mentres que os participantes se benefician de actividades deseñadas para previr a fraxilidade, mellorar a funcionalidade e potenciar a autonomía persoal.

Para José Mª Cancela, profesor responsable da materia Novas tendencias de Exercicio Físico con Adultos Maiores con patoloxías, “este tipo de experiencias son esenciais para formar profesionais competentes e, ao mesmo tempo, para contribuír a unha sociedade máis saudable e activa”. Pola súa parte, a concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, destacou “o compromiso do Concello con programas que melloran a calidade de vida dos nosos maiores” e agradece “a colaboración” da Universidade de Vigo.

A masterclass enmárcase nun calendario de actividades académicas que se repite cada ano, reafirmando a aposta conxunta por un envellecemento activo, inclusivo e sostible.

0
0
0
s2sdefault