O goberno adiantou a licitación do servizo co obxectivo de deixar a lista de espera a cero.
Sanxenxo, 23 de decembro de 2025.– O Concello de Sanxenxo propón á empresa Idades para a xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do municipio tras acadar a mellor puntuación no proceso de licitación. A empresa, con sede en Pontevedra, comprométese, ademais da atención ás persoas usuarias, á realización de actividades de formación do persoal, ao reforzo de servizos adicionais e á implantación dun protocolo de atención a persoas que sofren soidade e illamento.
No contrato, que terá unha duración de catro anos, pártese de 70.000 horas anuais ata un total de 84.000 horas. O obxectivo é deixar a lista de espera a cero. Cómpre lembrar que, en 2017, o gasto anual no SAF era de 331.525 euros, o que supón un incremento do 639 % co novo concurso, que rolda os 8 millóns de euros.
No contrato contémplanse dous tipos de servizos:
• SAF-Dependencia: cun horario de 7 a 22 horas, de luns a domingo. A intensidade horaria establécese en función da normativa vixente, do grao de dependencia das persoas ou da situación concreta das persoas segundo criterio técnico.
• SAF-Básica (Libre concorrencia): de luns a venres, agás festivos, de 7 a 22 horas. A intensidade horaria establecerase en función da normativa vixente e da situación concreta das persoas segundo criterio técnico.
Ademais, a empresa conta cun protocolo de atención a persoas que sofren soidade ou illamento co que se promove a autonomía das persoas usuarias que se atopen nesa situación, facilitando a súa sociabilidade e actuando sobre os seus problemas adaptativos. Para iso realizaranse visitas frecuentes ao domicilio e seguimento telefónico, promoverase a creación de redes sociais a través de colectivos e facilitarase a realización de xestións bancarias, farmacia e compras, entre outras accións.
En canto aos servizos adicionais, refórzanse cun “Programa coñece o teu municipio”, con saídas culturais de non máis de catro horas de duración acompañadas polas persoas coidadoras; o “Programa Camiña”, un programa de estimulación e fomento do exercicio físico con rutas programadas no municipio; e a “Constitución de Grupos de Axuda Mutua”, pensada para axudar a persoas coidadoras de persoas dependentes.
Ademais, inclúese na atención ás persoas usuarias o reforzo dos servizos complementarios de fisioterapia, podoloxía, desprazamentos con taxi adaptado, lavandería, perruquería e limpezas de choque da vivenda en casos de acumulación, deterioro ou risco sanitario.
En canto ao tempo de inicio para as altas comúns, Idades sitúa o prazo nun mínimo de 2 días desde a comunicación do Concello, pero se son urxentes o prazo mínimo será de 60 minutos, que é o tempo que se calcula como necesario para o aviso e desprazamento do persoal auxiliar e da coordinadora ata o domicilio.
Na súa oferta, Idades garante a contratación de persoal específico para a substitución de auxiliares que falten ao seu posto por un imprevisto. Esta persoa, contratada cun mínimo de 25 horas semanais, estará integrada no equipo de traballo e contará cun móbil achegado pola empresa para ser localizada no caso de urxencia.
O obxectivo é que o novo servizo estea en funcionamento no primeiro trimestre de 2026.