A nova planificación farase efectiva a mediados de xaneiro.
Sanxenxo, 26 de decembro de 2025.– Co obxectivo de optimizar a prestación do servizo de Emerxencias e garantir 4 traballadores por quenda, o Concello de Sanxenxo iniciou o pasado 3 de decembro unha negociación cos traballadores para adaptar o cadrante de intervencións e gardas. E é que, malia que o servizo conta con 17 traballadores (para os GES de Galicia esíxense 12), as baixas, as vacacións, os días de libre disposición e as horas sindicais impiden que haxa un mínimo de 3 traballadores en cada garda, como a propia representación sindical solicitou en reiteradas ocasións.
Tendo en conta as intervencións rexistradas polo propio Servizo de Emerxencias nos últimos cinco anos, a nova planificación establece gardas de 16 horas (de 7 a 23 horas) con 4 traballadores nos períodos do ano nos que no histórico haxa menor demanda de intervencións. Entre as 23 e as 7 horas, que representan o 3 % da demanda, a atención será prestada polo parque de bombeiros de Ribadumia, que xa presta servizo habitualmente na atención das emerxencias de Sanxenxo.
Entre o 1 de xuño e o 3 de outubro, Nadal, Semana Santa, Entroido e pontes festivas, cando a demanda do servizo medra significativamente, manteranse as gardas de 24 horas con 4 traballadores por garda. Ademais, en caso de necesidade do servizo, o Concello, previo chamamento e voluntariedade do traballador, ofreceu aboar 495 euros por unha quenda de 24 horas, unha proposta que foi rexeitada.
A negociación pechouse este mediodía sen acordo por parte dos traballadores, que propuxeron un incremento salarial de 3.000 euros ao ano e a cobertura de 9 gardas, dependendo da voluntariedade do traballador, e sen especificar a retribución pretendida por devandita garda.
Malia as continuas queixas dalgúns traballadores do servizo, o goberno lembra algunhas das condicións laborais máis significativas coas que ata agora contaba este servizo e que, na súa maioría, se seguen mantendo:
• Traballan un máximo de 67 días ao ano en gardas de 24 horas, polo tanto, dispoñen de 298 días libres ao ano. É dicir, de cada 20 días traballan 4.
• Despois dunha garda correspóndenlles 3 días de descanso e cada 3 gardas dispoñen de 7 días libres. Condicións que xa lles gustaría ter a outros servizos, por exemplo, os médicos de urxencias, que despois dunha garda descansan 12 horas.
• Os traballadores de Emerxencias, segundo a antigüidade, dispoñen cada ano de entre 6 e 13 días para asuntos propios, ademais dos días libres, por unha cita médica ou unha intervención dun familiar ata segundo grao de parentesco.
En definitiva, o goberno garante con esta nova planificación un descanso óptimo dos traballadores e, ao mesmo tempo, unha mellor calidade na cobertura da seguridade dos veciños de Sanxenxo. A nova organización entrará en vigor a mediados de xaneiro.