Concello de Sanxenxo - SANXENXO PREMIA AS DECORACIÓNS DO NADAL DE MUEBLES DOPAZO, RESTAURANTE XERFA E MAHONIA INTERIORISMO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O xurado deu a coñecer onte o fallo tras o concerto de Reis ofrecido pola Banda de Música de Sanxenxo

Sanxenxo, 7 de xaneiro de 2026.- A decoración e a implicación na creación dun ambiente do Nadal teñen premio en Sanxenxo. O Concello de Sanxenxo, en colaboración con Entretendas Centro Comercial Urbano a través do departamento de Cultura e Eventos, dirixido por Elena Torres, repartiu onte 4.000 euros na terceira edición do concurso “Deslumbra co teu Nadal”. Durante a celebración onte do Concerto de Reis da Banda de Música de Sanxenxo no Auditorio Emilia Pardo Bazán deuse a coñecer o fallo do xurado.

O xurado valorou a iluminación con ata 10 puntos; a orixinalidade e o deseño con ata 5 puntos; e o fomento de valores locais, o contido didáctico do proxecto e o coidado do medio ambiente coa utilización de materiais ecolóxicos, con ata 3 puntos.

Na categoría de establecementos comerciais (fachada e escaparate), o 1º premio, dotado con 1.000 euros, foi para Muebles Dopazo; o 2º premio, con 750 euros, foi para Restaurante Xerfa; e o 3º premio, con 500 euros, para Mahonia Interiorismo.

Na categoría de vivendas (decoración exterior), o 1º premio, dotado con 500 euros, foi para Sergio Santiago Carballo; o 2º premio, con 300 euros, foi para Mari Carmen Lemetre Fariña; e o 3º premio, con 200 euros, para María Belén Freijeiro Otero.

O premio único para a decoración da contorna de rúas, barrios, prazas ou veciñados, dotado con 750 euros, foi para os veciños da Rúa Eira.

O obxectivo do concurso é facer partícipe á veciñanza e ao sector do comercio local da ambientación do municipio, así como xerar unha contorna embelecida que reforce a decoración municipal, tendo en conta a creatividade dos veciños e veciñas. “É unha iniciativa para incentivar a participación no Nadal e premiar aquelas decoracións que sexan máis orixinais. Cada ano sorpréndennos e agradecemos a implicación das persoas participantes”, dixo Elena Torres.

0
0
0
s2sdefault