Sanxenxo, 8 de xaneiro de 2026.- Un total de tres empresas optan a executar o proxecto de reforma do Multiusos de Portonovo. Trátase de Citanias Obras e Servizos, Construcións Castro Figueiro e Oreco Balgón. O Concello de Sanxenxo sacou a licitación a rehabilitación do Multiusos de Portonovo por 1.257.621 euros e cun prazo de execución de 9 meses.
O edificio, que foi construído en 1989, conta con 903 metros cadrados e presenta importantes deficiencias de accesibilidade e illamento. A súa localización, en pleno centro da vila, e o bo estado da estrutura, así como as súas posibilidades de uso, fixeron que o goberno local decidise melloralo e recuperalo como sede de Servizos Sociais e de diversos usos sociais e educativos. A ambiciosa reforma conta cunha axuda de 900.000 euros do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra.
A redistribución das plantas e o feito de que tanto a escaleira como o ascensor cheguen á planta semisoto permitirán utilizala como acceso principal do edificio. Nesa mesma planta situarase o control e a recepción de persoas usuarias, deixando un importante espazo libre e flexible, multiusos, no que realizar dende pequenos actos, exposicións e presentacións, tanto do Concello como das distintas asociacións.
A media planta pola rúa lateral accederase de xeito totalmente accesible grazas ao dobre embarque do ascensor a 180º, ao pequeno espazo multiusos da planta primeira para un uso esporádico de evento público ou privado independente do resto do edificio e totalmente acondicionado acústica e termicamente. Unha grada retráctil, un espazo de almacenamento e un pequeno escenario habilitarano para practicamente calquera acto, obra de teatro, clases de baile, ioga ou pilates. Tamén nesta planta se habilita unha sala multiusos cunha pequena cociña onde se poderán impartir cursos de cociña.
A seguinte planta habilitarase integramente para o departamento de Servizos Sociais, para o que se disporá dun total de 8 despachos para traballadoras sociais, psicólogas, o CIM, así como un posto de control e información, zona de espera reservada ás persoas usuarias e unha sala de reunións para o persoal.
A planta segunda albergará as aulas de educación para maiores e o despacho do profesorado. Tamén se habilitará unha aula técnica con servizos informáticos e audiovisuais para poder impartir cursos. Por último, na planta baixo cuberta, á que chegarán tanto as escaleiras como o ascensor, manterase o uso como sala de estudo para aproximadamente 20 persoas usuarias, onde primarán a iluminación e o confort acústico.