A obra, valorada en case 150.000 euros, foi financiada cunha axuda da Xunta de Galicia e con fondos municipais
Sanxenxo, 15 de xaneiro de 2026.- O alcalde, Telmo Martín, e o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, visitaron esta mañá, acompañados de representantes de sete colectivos veciñais, así como dos concelleiros de Mantemento e Servizos, Yago Torres, e de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, a reformada Casa de Cultura de Nantes.
O edificio, que foi inaugurado en 1993, foi obxecto dunha importante mellora da eficiencia enerxética, do illamento e da impermeabilidade, co cambio completo de ventás e persianas, a instalación dun novo sistema de climatización mediante bomba de calor aerotérmica e a renovación da pintura interior e exterior. Ademais, renovouse integramente o sistema de iluminación con tecnoloxía LED de baixo consumo, colocáronse luminarias de emerxencia máis eficientes e procedeuse á insonorización da sala da planta superior.
A obra, valorada en case 150.000 euros, foi financiada cunha axuda da Xunta de Galicia e con fondos municipais. O alcalde agradeceu o importante investimento do Goberno galego na obra e asegurou que “permítenos poñer á disposición da veciñanza de Nantes un edificio case novo e con boas condicións de confortabilidade”. Martín incidiu en que “atópase nun lugar da parroquia chamado a seguir medrando polo importante equipamento tanto educativo como deportivo que hai na zona”. Finalmente, pediu aos representantes veciñais “que a sigan coidando para que dure moitos anos máis e que a sigan desfrutando”.
Pola súa banda, Agustín Reguera salientou que Sanxenxo foi un dos beneficiarios da axuda autonómica para a mellora da eficiencia enerxética “pola calidade do proxecto” e que a actuación redundará “non só na mellora do edificio, senón na vida dos veciños e veciñas que o utilizan e que estou seguro de que agora o utilizarán máis”.