Concello de Sanxenxo - SANXENXO REXISTROU 17.127 PERNOCTACIÓNS HOTELEIRAS EN DECEMBRO, UN 10 % MÁIS QUE NO MESMO PERÍODO DE 2025
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O INE contabilizou 9.336 viaxeiros durante o último mes do ano

Sanxenxo, 2 de febreiro de 2026.– Sanxenxo mantén a súa tendencia de crecemento na tempada baixa. Os datos do último informe do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre a Conxuntura Turística Hoteleira sinalan que o municipio rexistrou o pasado mes de decembro 17.127 pernoctacións, un 10 % máis que no mesmo período do ano anterior. No mesmo estudo, cífranse en 20 os establecementos hoteleiros abertos; en 1.250 o número de prazas dispoñibles, e en 290 o persoal empregado.

O Concello de Sanxenxo, xunto co sector turístico, continúa traballando para converter o Nadal na terceira tempada turística do ano, tras o verán e a Semana Santa. Cómpre lembrar que este informe só recolle as pernoctacións hoteleiras, é dicir, só unha parte do total das prazas de aloxamento turístico dispoñibles no mes de decembro, entre as que se atopan 54.833 prazas de segundas residencias, 13.365 prazas en vivendas de uso turístico e 2.767 en apartamentos turísticos.

En canto ao grao de ocupación por prazas en fin de semana, o INE sitúa o dato no 58,32 % e o número total de viaxeiros hospedados en hoteis en 9.336. A cifra de pernoctacións hoteleiras supera mesmo a rexistrada en marzo do pasado ano, cando se contabilizaron 16.765. Non foi posible realizar a comparación cos datos de xaneiro e febreiro xa que o INE declarou eses datos protexidos polo segredo estatístico.

0
0
0
s2sdefault