Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REPARARÁ POR URXENCIA UN AFUNDIMENTO PRODUCIDO POLO TEMPORAL NO MURO DA AVENIDA DE PONTEVEDRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Proseguen os traballos de escavación no noiro no treito final do Paseo de Silgar

Sanxenxo, 22 de xaneiro de 2026.– O Concello de Sanxenxo reparará como obra de urxencia un afundimento producido polos efectos do temporal no muro de contención da Avenida de Pontevedra, en Portonovo, na subida ao Miradoiro da Peixeira. O alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, acudiu esta mañá á zona para comprobar os danos e iniciar os trámites para contratar por urxencia a reconstrución do muro. A decisión tomouse despois de que Costas comunicase que non se faría cargo da reparación e para evitar que os danos poidan afectar á estabilidade do paseo.

Mentres tanto, o Concello prosegue tamén coa escavación do terreo no treito final do Paseo de Silgar, onde a finais da semana pasada as intensas choivas provocaron o derrubamento dunha parte do noiro que sostiña o treito do paseo. A obra, que se realiza tamén por urxencia, consistirá, unha vez localizado terreo firme, na elevación dun muro que suxeitará o treito para evitar novos desprendementos. Posteriormente, repararase a beirarrúa, anularase a escaleira actual e instalarase unha nova que comunicará co miradoiro da praia.

Por motivos de seguridade e para evitar o paso de peóns, desde un primeiro momento valouse o treito e creouse un paso peonil alternativo. Mentres duren as obras, habilitouse un carril de entrada e saída desde a rotonda de Baltar ata o Talaso Hotel Sanxenxo. Para iso, haberá que eliminar temporalmente os estacionamentos neste treito. A saída do Paseo de Silgar pola rúa Vigo poderá seguir realizándose como ata o momento.

 

0
0
0
s2sdefault