Concello de Sanxenxo - SANXENXO VIVIRÁ SETE DÍAS DE ENTROIDO CUNHA AMPLA PROGRAMACIÓN FESTIVA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

 

 

 

Xa está aberto o prazo de inscrición para o Desfile de Entroido e para o Concurso de Parodias Feito na Casa

 

Sanxenxo, 6 de febreiro de 2026.– Sanxenxo converterase no epicentro da festa cunha intensa programación de Entroido que comezará o día 13 e se prolongará ata o 22 de febreiro, cunha destacada implicación do Concello e dos colectivos das distintas parroquias.

 

A programación dará comezo o venres 13 de febreiro en Noalla co tradicional Enterro do Cormorán, organizado pola ANPA O Telleiro e a Asociación A Esmorga. O acto terá lugar ás 20:30 horas no Centro Sociocultural As Canteiras.

 

O luns 16 de febreiro celebrarase o Luns Choqueiro, cunha mostra das danzas tradicionais de Cobres e a baixada do Folión. O pasarrúas sairá ás 18:00 horas desde o Pazo Emilia Pardo Bazán ata a praza de Pascual Veiga e a súa contorna. A actividade conta coa colaboración da Asociación Cultural Abiñadoira.

 

O martes 17 de febreiro, Arra acollerá a súa particular celebración do Entroido con xogos, inchables, concursos, sorteos e música en directo no campo da festa. A xornada dará comezo ás 15:30 horas e está organizada pola Asociación Cultural San Caetano de Arra.

 

O mércores 18 de febreiro será a quenda do Enterro da Sardiña en Portonovo. A comitiva fúnebre partirá ás 20:00 horas desde a marquesiña e percorrerá as rúas da localidade ata o recinto portuario, onde terá lugar a incineración. O evento está organizado polo Concello e pola Comisión de Festas de San Cristovo.

 

O venres 20 de febreiro, Vilalonga celebrará o tradicional Enterro da Cabra. A saída será ás 20:30 horas desde a Praza Pública, percorrendo distintos puntos da parroquia para regresar ao lugar de inicio. A actividade está promovida polo colectivo Os Cabritos coa colaboración do Concello.

 

Ese mesmo día, ás 21:30 horas, a Lonxa de Portonovo acollerá o Concurso de Parodias Feito na Casa. O Concello repartirá un premio único de 200 euros e un accésit de 50 euros. O prazo de inscrición xa está aberto.

 

O sábado 21 de febreiro, Portonovo vibrará coa Festa do Xato, que contará con actividades durante toda a xornada organizadas pola Asociación Rúa dos Viños, coa colaboración da Asociación Cultural Abiñadoira.

 

O broche de ouro chegará o domingo 22 de febreiro co Desfile e Concurso de Entroido, para o que o Concello repartirá un total de 10.830 euros en premios. O prazo de inscrición permanece aberto.

0
0
0
s2sdefault