Sanxenxo, 6 de febreiro de 2026.- O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, mantivo esta mañá un almorzo informativo cos medios de comunicación no Gran Talaso Hotel Sanxenxo no que abordaron algúns dos proxectos “clave” da axenda do goberno para 2026.
Martín iniciou a súa exposición cunha actuación que vertebra todo o municipio como é a modernización da rede de depuración, saneamento e auga que están a executar Acuaes e Espina y Delfín cun investimento de máis de 36 millóns de euros. “Ás veces non somos conscientes da importancia porque gran parte da actuación vai enterrada, pero é clave para o futuro de Sanxenxo. Agardo que estea concluída no verán de 2026”, apuntou. “Cando remate este mandato todos os veciños de Sanxenxo estarán conectados á rede de sumidoiro municipal”, dixo. É, precisamente, ao mantemento das pistas do rural ao que se destinará unha das liñas de investimento do Plan +Provincia. “Este tempo afectou moito ás infraestruturas viarias, polo que temos que volcar esforzos nos viarios do rural”, indicou.
Outra das actuacións importantes ao longo deste ano será a execución da última fase do mercado de abastos de Sanxenxo. “Terá dúas plantas para mercado, unha planta diáfana e outra onde irá a biblioteca e a aula de estudo, que poderá estar aberta os 365 días do ano e as 24 horas do día”, sinalou. Cun investimento de 6 millóns de euros, prevese licitar a finais deste ano.
A senda litoral de 6 quilómetros pola ría de Arousa e a recuperación de A Telleira serán outros dous proxectos importantes para o crecemento turístico de Vilalonga e a posta en valor da paisaxe desa zona, que ao longo deste ano experimentarán importantes avances. Moi preto desta actuación, pero na parroquia de Noalla, Martín lembrou a obra de desdobramento da vía rápida que executará a Xunta cun investimento de 43 millóns de euros. “A actuación inclúe tamén un retranqueo do viario que atravesa A Lanzada coa recuperación paisaxística de 60.000 m² e 7 km de sendas peonís”, apuntou.
Tamén en Noalla, o alcalde mencionou a recente inauguración do Centro Gastronómico das Rías Baixas no Pazo de Quintáns, cuxa explotación será público-privada para que o mantemento “teña custo cero para os veciños”.
Martín anunciou tamén a próxima actuación na Revolta cun proxecto que transforme o viario de entrada a este núcleo de poboación. “Unha actuación que abrangue 920 metros de longo e coa que agardamos asinar un convenio coa Xunta”, dixo. Outro dos proxectos nos que xa traballa o goberno abrangue a zona do Espiñeiro e Rafael Picó, en Portonovo. “Trátase dunha reforma integral que inclúe a zona de xogos e incorpora un aparcadoiro soterrado con 300 prazas, así como unha actuación ao longo de todo Rafael Picó ata o depósito situado na zona portuaria”, explicou.
En Sanxenxo, lembrou que a finais deste ano está previsto o inicio da primeira fase da reforma e ampliación do colexio A Florida, que inclúe un novo pavillón e un espazo de estacionamento. E, antes do verán, está prevista a ampliación da plataforma única no Paseo de Silgar ata a avenida Luis Rocafort. “É algo que nos están demandando moito”, advertiu. Tamén se actuará na lámina de auga coa renovación dos 108 pilotes.
No apartado social, Martín destacou que está a piques de licitarse a reforma do Multiusos de Portonovo, que se converterá na sede dos Servizos Sociais, entre outros usos. “Acabamos de adxudicar o SAF para deixar a lista de espera a cero e actuaremos tamén no Centro de Día Municipal”, indicou. Finalmente, o alcalde apuntou que o goberno prevé asinar proximamente a cesión de terreo á Xunta para 25 vivendas no SU-12 de Noalla. “Agardamos poñer en breve novos terreos á disposición do Goberno galego e chegar ás 200 vivendas”, concluíu.