— Tratase da contratación do proxecto e de obra, que determinará o número total de vivendas, que podería roldar as 25
- Construiranse nunha parcela cedida gratuitamente polo Concello, de 2.655 m2, situada no lugar de Mourelos
— Como novidade, o prego de bases establece a obrigatoriedade do emprego de técnicas industrializadas
— Con este colaboración do Concello pontevedrés, Sanxenxo súmase a outras 14 entidades locais que xa cederon gratuitamente parcelas á Xunta para construír vivenda pública
A Xunta de Galicia construirá vivendas de promoción pública no lugar de Mourelos, en Noalla, nunha parcela cedida gratuitamente para tal fin polo Concello de Sanxenxo. O número de vivendas que se van construír nunha parcela de 2.655 metros cadrados de superficie determinarase no proxecto, pero calcúlase que poderían ser ao redor de 25.
As vivendas incluirán o emprego de técnicas industrializadas, establecendo como novidade no prego de bases que non se terán en conta as propostas que non acaden unha puntuación mínima nesta materia.
Así, o Consello da Xunta tomou razón hoxe da tramitación do expediente de aceptación deste solo cedido á Xunta por parte do Concello de Sanxenxo.
Con tal fin, a Consellería de Vivenda e Planificación, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, licitará o contrato unha vez autorizado polo Consello da Xunta de hoxe. A licitación realizarase polo procedemento de proxecto e obra, polo que o contrato incluirá a redacción do proxecto, a execución da obra de construción e a dirección desta. O importe de licitación será de 6.798.539,47 euros.
A empresa adxudicataria disporá dun prazo de tres meses para a redacción do proxecto básico e dous mais para o de execución, e prevese o remate das obras para o ano 2028.
Con este colaboración do Concello pontevedrés, Sanxenxo súmase a outras 14 entidades locais que xa cederon gratuitamente parcelas a Xunta para construir vivenda pública.
Trátase dos municipios de Pontevedra, Lugo, Teo, Lalín, A Estrada, A Coruña, Vilagarcía de Arousa, Ames, Carballo, Narón, San Cibrao das Viñas, Arteixo, Bueu e Baiona.
Esta iniciativa está incluída no compromiso da Xunta de Galicia de duplicar o parque de vivenda pública antes do remate de 2028, acadando as 8.000 unidades nese prazo. Para iso, en 2026 licitaranse as obras de preto de 2.700 vivendas, por case 500 millóns de euros, que se unirán ás que xa se atopan en construción; estando previsto entregar as primeiras este mesmo ano aos seus adxudicatarios.