A empresa comprométese a realizar os traballos nun prazo de 4 meses
Sanxenxo, 10 de febreiro de 2026.- O Concello xa ten proposta de adxudicación para executar a rehabilitación do edificio Multiusos de Portonovo: Construccións Castro Figueiro. A empresa comprometeuse a realizar as obras por 1.242.907 euros nun prazo de catro meses. A reforma conta cunha axuda de 900.000 euros do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra.
O edificio, que foi construído en 1989, conta con 903 metros cadrados e presenta importantes deficiencias de accesibilidade e illamento. A súa localización, en pleno centro da vila, e o bo estado da estrutura, así como as súas posibilidades de uso fan que o goberno local decidise melloralo e recuperalo como sede de Servizos Sociais, e de diversos usos sociais e educativos.
A redistribución das plantas e que, tanto a escaleira como o ascensor, cheguen á planta semisoto permitirá utilizalo como acceso principal do edificio. Nesa mesma planta situarase o control e recepción de usuarios, deixando un importante espazo libre e flexible, multiusos, onde realizar desde pequenos actos, exposicións, presentacións tanto do Concello como das distintas asociacións.
A media planta pola rúa lateral accederase de maneira totalmente accesible grazas ao dobre embarque do ascensor a 180º, ao pequeno espazo multiusos da primeira planta para un uso esporádico de evento público ou privado independente do resto do edificio e totalmente acondicionado acústica e termicamente. Unha grada retráctil, un espazo de almacenamento e un pequeno escenario habilitarano para practicamente calquera acto, obra de teatro, clases de baile, ioga ou pilates. Tamén nesta planta habilítase unha sala multiusos cunha pequena cociña onde se poderán impartir cursos de cociña.
A seguinte planta habilitarase integralmente para o departamento de Servizos Sociais cun total de 8 despachos para traballadoras sociais, psicólogas, o CIM, así como un posto de control e información, zona de espera reservada a usuarios e unha sala de reunións para os traballadores.
A segunda planta albergará as aulas de educación para maiores e o despacho de profesores. Tamén se habilitará unha aula técnica con servizos informáticos e audiovisuais para poder impartir cursos. Por último, na planta baixo cuberta, á que chegarán tanto as escaleiras como o ascensor, manterase o uso como sala de estudo para aproximadamente 20 usuarios, onde primará a iluminación e o confort acústico.
Traslado da aula de estudos
Unha vez comecen as obras, a aula de estudos trasladarase de forma temporal ao edificio da Confraría de Pescadores situada en Rafael Picó. O Concello e o pósito chegaron a un acordo para a cesión de uso mentres duren as obras. Realizáronse traballos de mantemento e melloras de iluminación.