A xornalista Alba Moledo Ucha ofrecerá unha charla coloquio “A gran señora da prensa” o vindeiro 3 de marzo no Priorado de Arra
Sanxenxo, 25 de febreiro de 2026.- Sanxenxo conmemora o Día Internacional da Muller cunha ampla programación que se estende máis alá do 8 de marzo en distintos puntos do municipio. Do 2 ao 6 de marzo, aos centros educativos chegará Contacontos pola Igualdade e Diversidade, impulsado pola Concellería de Educación de Nati Parada.
A xornalista e correspondente local de Sanxenxo Alba Moledo Ucha achegará, cunha charla coloquio, a figura de “Mari Luz Morales, a Gran Señora da Prensa”. Moledo, que centrou a súa tese doutoral en Morales, a primeira muller directora dun xornal, obtivo recentemente na Universidade Complutense de Madrid a cualificación de sobresaliente cum laude tras máis de dez anos de investigación. En Sanxenxo dará a coñecer as claves da súa vida e mesmo a súa vinculación co municipio.
O acto central conmemorativo será o 8 de marzo no Auditorio Emilia Pardo Bazán, ás 11:30 horas, e terá como protagonistas aos colectivos de mulleres rurais de Sanxenxo, Vilalonga, Portonovo e Dorrón. Desde a Concellería de Servizos Sociais, dirixida por Paz Lago, búscase “recoñecer o importante labor que realizan as mulleres destes colectivos e o seu papel fundamental na sociedade”. O obxectivo é converter o Día Internacional da Muller “nunha celebración do seu día con elas e para elas” cun acto dirixido pola monologuista Arantxa Treus. Cada colectivo subirá ao escenario para ofrecer teatro, música, baile e pilates.
A programación continuará o 10 de marzo no Priorado de Arra cun Obradoiro de Risoterapia. Ademais, entre marzo e abril celebrarase o III Ciclo de Conferencias Muller e Saúde, que abordará as seguintes temáticas: detección e tratamento dos trastornos de ansiedade, detección e tratamento dos trastornos do sono, afrontamento do proceso de dó e que é e que consecuencias ten o virus do papiloma humano.