A iniciativa impulsada desde a Concellería de Educación, dirixida por Nati Parada, contou coa participación de 51 alumnos e alumnas
Sanxenxo, 24 de febreiro de 2026.- Un total de 51 alumnos e alumnas de Educación Infantil do colexio O Telleiro e da Escola Unitaria de Aios visitaron esta mañá as instalacións municipais da Biblioteca, no Auditorio Emilia Pardo Bazán, e da Policía Local. A actividade, impulsada pola Concellería de Educación, dirixida por Nati Parada, busca achegar o funcionamento dos servizos municipais aos máis pequenos.
A actividade dividiu o alumnado en dous grupos para que puidesen, por unha banda, coñecer o sistema de préstamo da biblioteca e gozar dun contacontos e, pola outra, achegarse ao traballo dos policías e coñecer os seus vehículos e instalacións.
A concelleira Nati Parada, que os acompañou na visita, explicoulles o significado da bandeira de Sanxenxo e repasou a figura de Rosalía de Castro, coincidindo coa recente conmemoración do seu nacemento.