O goberno levará ao Pleno ordinario do día 30 a decisión de non adxudicar o novo contrato
Sanxenxo, 18 de marzo de 2026.- O Concello de Sanxenxo decidiu asumir a xestión directa dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria. O goberno local levará ao próximo Pleno ordinario do día 30 de marzo a proposta, así como a decisión de non adxudicar o novo contrato en licitación por razóns de interese público.
Tras dar por concluída a última prórroga da actual concesionaria do servizo, Ascan, e ante a falta dunha proposta de adxudicación, a escasas semanas da campaña estival, o goberno decidiu promover a xestión da recollida e limpeza viaria.
Ademais, cabe recordar que no novo prego do lixo se incluía a limpeza das praias. Unha cuestión que agora é preciso reconsiderar tras a transferencia das competencias do litoral á Xunta de Galicia, o que conleva un novo marco xurídico que requerirá un análise de todas as tarefas e servizos vinculados ás praias.
O Concello subrogará aos 26 traballadores adscritos aos servizos e reforzará a maquinaria e contedores necesarios para ofrecer un servizo de maior calidade ao municipio. Mentres se formaliza a asunción da xestión directa, a actual concesionaria continuará coa prestación do servizo por un prazo mínimo de 90 días e un máximo de 180 días, segundo a normativa vixente.