Concello de Sanxenxo - OITO EMPRESAS OPTAN Á XESTIÓN DO PLAN CONCILIA E DOS OBRADOIROS DE NADAL, CARNAVAL E SEMANA SANTA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 18 de marzo de 2026.- Un total de oito empresas optan á xestión do Plan Concilia e dos obradoiros de Nadal, Carnaval e Semana Santa no municipio: Asociación Xuvenil Saraiba do Mar, Axiña Servicios Deportivos, Elisa Estévez Rodríguez, Nordelaina, Silvia Calvelo Rodríguez, Sonaga Gestión, Sportmadness Eventos e Supernova Asistencias.

A Concellería de Educación, dirixida por Nati Parada, sacou a licitación o servizo por 213.807 euros, dividido en dous lotes, cunha duración de dous anos. Un para o Plan Concilia que, por primeira vez, cubrirá todo o período vacacional, incluídos os días de xuño e setembro (despois e antes de que comece o curso), e outro para os obradoiros de Nadal, Carnaval e, por primeira vez, en Semana Santa, de luns a Xoves Santo. Estes últimos terán un horario de 9 a 14:30 horas, cun total de 221 prazas, e levaranse a cabo no colexio de Nantes.

O Plan Concilia contará, un ano máis, con dúas ubicacións para facilitar o acceso ás familias. Un desenvolverase no colexio de O Telleiro e outro no colexio de A Florida. En total, poranse a disposición 910 prazas, 94 por quincena, e reservan un total de 40 para nenos e nenas con diversidade funcional. O prezo por quincena é de 45 euros e, para o período completo, 230 euros. O horario será de 8 a 15:30 horas, incluíndo a opción de levar comida de casa, ou de 9:30 a 14 horas, para os que non coman nas instalacións municipais. No caso de que se opte pola ampliación horaria, as familias deberán abonar 10 euros por quincena se fan uso do servizo de fiambrera e do plan madruga.

A empresa adxudicataria realizará unha reunión previa ao inicio do servizo para dar a coñecer a dinámica de funcionamento, así como a programación e actividades previstas, con polo menos dúas saídas semanais á praia ou espazos que fomenten o coñecemento dos recursos culturais e naturais do entorno.

0
0
0
s2sdefault