Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACCEDERÁ AO FONDO DE COOPERACIÓN DA XUNTA PARA A COMPRA DUN TERRENO DE 80.000 M2 EN VILALONGA PARA DESTINALO A VIVENDA PÚBLICA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O goberno leva meses negociando coa Sareb a adquisición do terreo por 3,5 millóns de euros

Sanxenxo, 30 de marzo de 2026.- Sanxenxo optará aos fondos de cooperación da Xunta para a compra do Solo Urbanizable 27 en Xuncablanca (Vilalonga) para a promoción de vivenda pública por 3,5 millóns de euros. Así o aprobou, por unanimidade, o Pleno esta mañá tras a proposta que o goberno incluíu, por vía de urxencia, en sesión ordinaria.

O alcalde, Telmo Martín, explicou que se solicita esta axuda para a compra á Sareb dun solo urbanizable cunha superficie de 80.000 m2 para a construción de 350 vivendas. “Levamos varios meses negociando coa Sareb e agora presentouse a oportunidade de financiar a compra a través dos fondos autonómicos cos que poderiamos adquirir este solo por 3,5 millóns para destinalo a vivenda pública”, explicou. A rapidez na presentación da solicitude é determinante para asegurar a concesión da axuda que saíu publicada o pasado mércores e que non permitiu levala ás comisións previas ao Pleno.

Unha vez adquirido, o Concello cederao á Xunta para a construción de vivendas públicas para veciños do municipio, aproximadamente 250, e o resto poderían ser libres para recuperar o investimento dos 3,5 millóns que serán abonados ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, sen intereses, a razón dunha partida anual de 437.500 euros.

Non foi o único asunto relacionado coa vivenda pública da sesión. O Pleno tamén deu luz verde por 14 votos a favor e unha abstención do PSOE á cesión gratuíta da parcela á Sociedade Pública de Vivenda de Galicia, no SU12, para a construción de 25 vivendas públicas.

Outro asunto que saíu adiante, cos votos a favor do PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE, foi a decisión de non adxudicar o contrato dos servizos de recollida de residuos urbanos, limpeza viaria e de praias, así como a asunción da xestión directa por parte do Concello coa subrogación dos 26 traballadores. O alcalde reprochou a postura da oposición. “Este goberno non actúa por consignas e prexuízos ideolóxicos. Eleximos o que consideramos mellor para o interese xeral. É unha decisión valente que vostedes deberían apoiar sen fisuras”, dixo.

Por outra banda, esta mañá tomou posesión o novo concelleiro do goberno, Óscar Vilar Sartages, enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos e actualmente profesor de Matemáticas. Este veciño de Dorrón, que xa foi concelleiro no mandato anterior, ocupará a Concellería de Economía e Persoal. A concelleira de Educación, Nati Parada, pasará a ser o novo membro da Mancomunidade do Salnés como representante de Sanxenxo tras a saída de Paula Martínez.

Finalmente, o Pleno despediu ao secretario municipal Ángel Luis López Pita que se xubilirá próximamente. O alcalde, en nome da Corporación municipal, agradeceulle os servizos prestados e o seu traballo ao longo destes 17 anos en Sanxenxo.


 

0
0
0
s2sdefault