Sanxenxo, 27 de marzo de 2026.- A reforma do edificio Multiusos de Portonovo avanza coas demolicións interiores e a retirada de chans e teitos que acollerán os futuros espazos como a sede de Servizos Sociais, a aula de estudos e a escola de adultos, así como un amplo salón de actos.
Nos próximos días, continuarase co levantamento da cuberta e o derrubo das escaleiras, que se desprazarán para facer o edificio accesible con entrada directa desde a rúa e a colocación dun ascensor. A actuación terá un custo de 1,2 millóns e conta cunha subvención de 900.000 euros do Plan Extra da Deputación de Pontevedra.
O alcalde, Telmo Martín, acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, e do edil de Mantemento e Servizos, Yago Torres, visitaron esta semana as instalacións para ver o curso das obras xunto a técnicos da empresa e ao director de obra.
O edificio, que foi construído en 1989, conta con 903 metros cadrados e presenta importantes deficiencias de accesibilidade e illamento. A súa ubicación, no pleno centro da vila, e o bo estado da estrutura, así como as súas posibilidades de uso, fixeron que o goberno decidise melloralo e recuperalo.
A redistribución das plantas e que tanto a escaleira como o ascensor cheguen á planta semisótano permitirá utilizalo como acceso principal do edificio. Nesa mesma planta situarase o control e recepción de usuarios, deixando un importante espazo libre e flexible, multiusos, onde realizar desde pequenos actos, exposicións, presentacións tanto do Concello como das distintas asociacións.
A media planta pola rúa lateral accederase de maneira totalmente accesible grazas ao dobre embarque do ascensor a 180º, ao pequeno espazo multiusos da primeira planta para un uso esporádico de evento público ou privado independente do resto do edificio e totalmente acondicionado acústica e termicamente. Unha grada retráctil, un espazo de almacenamento e un pequeno escenario habilitarano para practicamente calquera acto, obra de teatro, clases de baile, yoga ou pilates. Tamén nesta planta habilítase unha sala multiusos con pequena cociña onde se poderán impartir cursos de cociña.
A seguinte planta habilitarase integralmente para o departamento de Servizos Sociais con un total de 8 despachos para traballadoras sociais, psicólogas, o CIM, así como un posto de control e información, zona de espera reservada a usuarios e unha sala de reunións para os traballadores.
A segunda planta acollerá as aulas de educación para maiores e o despacho de profesores. Tamén habilitarase unha aula técnica con servizos informáticos e audiovisuais para poder impartir cursos. Por último, na planta baixo cuberta, á que chegarán tanto as escaleiras como o ascensor, manterase o uso como sala de estudos para aproximadamente 20 usuarios, onde primará a iluminación e o confort acústico.