O aparcadoiro público, ubicado no porto, emitiu 6.399 tickets e unha media diaria de 914 vehículos
Sanxenxo, 8 de abril de 2026.- O aparcadoiro público xestionado pola empresa municipal Nauta Sanxenxo facturou na Semana Santa 32.121 euros, a cifra máis alta da súa historia neste período vacacional. En total, emitíronse 6.399 tickets e as instalacións situadas no porto rexistraron unha media diaria de 914 vehículos.
As instalacións dispoñen dun total de 584 prazas, repartidas en 206 na planta pública interior, 200 no exterior e outras 178 prazas no aparcadoiro privado.
Os días de maior facturación foron o venres (6.933 euros), sábado (6.084 euros) e domingo (6.173 euros). A permanencia media dos coches foi de 2 horas e 27 minutos.
En canto ás cifras do paro, Sanxenxo foi un dos concellos do Salnés onde máis baixou o desemprego no mes de marzo. As cifras recollidas no portal da Consellería de Traballo indican unha redución de 23 parados, deixando a cifra en 468.