Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DISTINGUIRÁ AO PORTONOVÉS JUAN GARCÍA CARBALLA “PECHE” COA INSIGNIA DA RAIA DE OURO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O acto terá lugar o 3 de maio, ás 12:30 horas, na Casa Mariñeira de Don Fernando en Portonovo

Sanxenxo, 21 de abril de 2026.- O portonovés Juan García Carballa, máis coñecido como “Peche”, será distinguido o vindeiro 3 de maio, ás 12:30 horas, coa Raia de Ouro na Casa Mariñeira de Don Fernando. A súa activa participación na vida social da vila, tanto na Comisión de Festas de San Cristóbal como no S.D. Portonovo, levou aos colectivos portonoveses por unanimidade a propoñer o seu nome para honralo co galardón. O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Pérez, comunicáronlle a decisión o pasado domingo durante unha visita á súa casa en compañía da súa familia

A pesar de iniciarse no mar xunto ao seu pai durante a infancia, a súa forte propensión ao mareo impediulle continuar e cambiar a actividade pola albanelaría. Tras realizar o servizo militar, volveu ao mar, esta vez nun cargueiro rumbo a Holanda como camareiro. Un fatal atropelo no que recibiu un forte golpe na cabeza mantívoo durante meses na UCI e afastouno para sempre do traballo.

A prexubilación permitiulle volcarse coas súas dúas paixóns, o SD Portonovo no que actuou como delegado, e a Comisión de Festas de San Cristóbal, que dirixiu xunto a Germán, Rogelio, Manolo e Carlos. “Un traballo silencioso, pero moi necesario para a actividade social da vila”, lembran.
Cando os xogadores do Portonovo non cumprían coas expectativas no campo, Peche non dubidaba en rifarlles e dicirlles que “era porque saían de copas”.

Tras unha operación de cadeira, os médicos dixéronlle que era probable que non puidese volver camiñar, San Roque obrou o milagre e durante as festas patronais de 2023, Peche apareceu na súa casa andando coa Banda de Música de Redondela. A súa familia aínda lembra con emoción o momento. Agora camiña con andador, pero esta limitación non lle impide acudir a diario ao Club de Xubilados de Portonovo e dar os seus paseos pola vila.

“Peche” recibirá o vindeiro domingo unha merecida Raia de Ouro xunto a toda a súa familia: a súa muller Sara; os seus fillos, Juan Antonio e Charo; os seus cinco netos, así como os seus veciños e amigos. Un premio a unha vida dedicada a Portonovo.

0
0
0
s2sdefault