Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ASUME A EXPLOTACIÓN DO NOVO EMISARIO SUBMARINO DE MONTALVO E DO BOMBEO AMPLIADO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, Poio e Acuaes rubricaron hoxe a recepción das dúas primeiras actuacións incluídas no convenio para mellorar a depuración e o saneamento

Sanxenxo, 24 de abril de 2026.- O Concello de Sanxenxo asumiu esta mañá a xestión e explotación do novo emisario submarino de Montalvo e do bombeo ampliado situado no porto de Sanxenxo. O acto de sinatura da recepción das dúas primeiras infraestruturas, incluídas no convenio asinado a tres bandas entre os alcaldes de Sanxenxo, Telmo Martín, e de Poio, Ángel Moldes, e a presidenta de Acuaes, María Rosa Cobo, materializouse na entrada da praia de Montalvo. Ambas actuacións enmárcanse nun ambicioso conxunto de actuacións para mellorar o saneamento e a depuración de Sanxenxo e Poio, ademais de mellorar a calidade das augas da ría de Pontevedra, cun investimento global que acadará os 24 millóns.

“Sanxenxo leva case 3.000 anos vivindo destas augas que temos ás nosas costas. E como queremos seguir facéndoo durante moito tempo, Acuaes e os concellos de Poio e Sanxenxo colaboramos para ampliar a depuradora, así como o bombeo e o emisario submarino que hoxe recibimos”, apuntou Martín. Na mesma liña, explicou que “os veciños non tiveron que achegar nin un € dos 24 M€ que se investiron. A metade son fondos europeos e a outra metade cúbrese co canon anual que paga a concesionaria da auga”.

A sinatura da cesión da explotación implica que o Concello de Sanxenxo, co acordo do Concello de Poio como usuario do sistema unha vez se poña en marcha o bombeo de Raxó, asume a xestión das tarefas de operación, conservación e mantemento do emisario submarino de Montalvo e do bombeo de Sanxenxo. Pouco a pouco, unha vez que entren en servizo, irase completando a cesión da explotación doutros elementos do sistema ata culminar coa cesión da nova depuradora o próximo outono.

O novo emisario consiste nunha condución de 1.304 metros de lonxitude e un diámetro de 630 milímetros, deseñada para descargar o caudal máximo da depuradora de Paxariñas (557 l/s). Mantívose o tramo terrestre do emisario, mentres que o primeiro tramo do novo trazado, de 251 metros de lonxitude, executouse mediante perforación horizontal dirixida. Así mesmo, retirouse do fondo mariño un segundo tramo de aproximadamente 900 metros que se atopaba en desuso.

Tras a sinatura, a comitiva visitou o resto dos proxectos que integran a actuación: a depuradora de Paxariñas, os colectores de Raxó, Areas e Avenida de León, ademais dos bombeos de O Espiñeiro, Porto de Sanxenxo, Areas e Raxó. Os traballos na depuradora continúan coa demolición das antigas instalacións, así como con labores de baleirado, limpeza, reparación e renovación do equipamento electromecánico en decantadores e reactores biolóxicos. Actualmente está en execución o novo edificio de oficinas e taller, quedando pendentes actuacións de urbanización, peche xeral e instalación de placas fotovoltaicas.

A renovada EDAR dará servizo a unha poboación de 98.412 habitantes equivalentes cun caudal medio de 16.042 m³/día. As obras de ampliación permitiron acadar un grao de depuración óptimo.

0
0
0
s2sdefault