Sanxenxo, 24 de abril de 2026.- Un total de dúas empresas, Audeca e Construcciones Castro Figueiro, optan a realizar a humanización do Camiño do Castro en Dorrón. A actuación, financiada a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, suporá un investimento de 412.445 euros. A obra está previsto que teña un prazo de duración de catro meses.
A intervención transformará por completo este vial que conecta o núcleo rural de O Castro coa estrada PO-308. O actual camiño, con treitos de forte pendente e un firme deteriorado, será renovado na súa totalidade para mellorar a seguridade e a comodidade tanto de peóns como de condutores. O novo trazado incorporará un pavimento máis resistente, un sistema de drenaxe eficaz e redes actualizadas de saneamento e abastecemento.
O proxecto tamén inclúe o soterramento do cableado aéreo e a instalación de luminarias de baixo consumo, o que contribuirá a reducir o impacto visual e avanzar cara a un modelo enerxético máis eficiente. Ademais, contémplase a construción dun muro de contención e a ampliación do ancho da calzada, adaptando a vía ás necesidades actuais do tráfico. A seguridade peonil mellorarase coa execución dunha nova varanda, a ampliación parcial do camiño incorporando unha cesión de terreo e a incorporación de sinalización horizontal e vertical.
En definitiva, as obras propostas consisten en:
• Ampliar e uniformizar o firme coa demolición total do actual, execución de caixa e a formación do novo firme que consistirá nunha base de zahorra e un firme de formigón de acabado estriado con franxas transversais de pedras de granito, contemplándose ademais a construción dun muro de formigón.
• Mellorar a drenaxe lonxitudinal coa execución dunha nova rede cunha recollida mediante reixas lonxitudinais centrais e transversais conectadas á rede existente.
• Completar a rede de saneamento e de abastecemento.
• Soterrar o cableado aéreo da zona.
• Mellorar a seguridade peonil e viaria.
• Substituír o alumeado público por tecnoloxía máis eficiente.
O obxectivo é seguir estendendo o modelo de humanización que xa transformou outros espazos do municipio, garantindo que todos os núcleos rurais gocen de servizos de calidade similares aos das zonas urbanas.