Concello de Sanxenxo - UN ESTUDO PIONEIRO A NIVEL NACIONAL ANALIZARÁ O PERFIL FÍSICO E SOCIOCOGNITIVO DOS MAIORES EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Universidade de Vigo será a encargada de realizar o proxecto, financiado pola Xunta e o Concello

Sanxenxo, 8 de maio de 2026.- Un estudo pioneiro a nivel nacional da Universidade de Vigo analizará o perfil físico e sociocognitivo dos maiores en Sanxenxo. Unha ferramenta, financiada pola Xunta e o Concello, que permitirá contar cunha radiografía dos adultos de máis de 65 anos das sete parroquias do municipio. O obxectivo é analizar o perfil do adulto maior, a condición física, o estado cognitivo, a rede social e desenvolver unha aplicación web para realizar un seguimento individual.

O catedrático da Universidade de Vigo, José María Cancela, presentou esta mañá o estudo xunto á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, no salón de plenos do Concello de Sanxenxo. “O que se pretende con este proxecto de investigación é mellorar a calidade de vida dos maiores das sete parroquias de Sanxenxo”, dixo Cancela. Ao acto asistiron, ademais da concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago; o concelleiro de Turismo, Juan Deza, e de Cultura e Eventos, Xoán Pérez, así como os técnicos que desenvolven os programas de Educación Física para Maiores e o Taller de Memoria, Nacho Rebollo e María José Pérez. Os usuarios de ambos os programas, así como integrantes dos clubs de xubilados, tamén acudiron á presentación.

O alcalde incidiu en “que os maiores de 65 anos somos unha parte importante da poboación de Sanxenxo. Concretamente o 26,09 %, 4.758 persoas que se inclúen neste estudo e do que se trata é de mellorar a súa atención e responder mellor ás súas necesidades”. Na mesma liña, “animou a todos aqueles que se atopen ben a realizar tarefas de voluntariado para manterse activos e contribuír á sociedade”. Moitos de vós xa participades nos programas municipais ou dalgunha forma estades en contacto con Servizos Sociais, pero queremos saber de todos aqueles que non participan”.

Pola súa parte, a conselleira de Política Social e Igualdade dixo que “este estudo axudará a coñecer o que queren os maiores de 65 anos de Sanxenxo porque cada núcleo de poboación é diferente e precisa de cousas diferentes”. “Estou moi agradecida á Universidade e ao alcalde por tomar a iniciativa unha vez máis e ser referencia en Galicia. Estou convencida de que vainos ser de gran axuda”, dixo.

0
0
0
s2sdefault