Un total de 82 persoas inscribíronse no proceso selectivo, que constou dunha parte teórica e dunha parte práctica.
Sanxenxo, 18 de maio de 2026.- O Concello de Sanxenxo volve elixir, por segundo ano consecutivo, os 26 auxiliares de Policía Local que reforzarán o servizo durante o verán. O obxectivo é garantir un maior coñecemento do termo municipal e das necesidades do propio corpo, tendo en conta as características especiais de Sanxenxo. A convocatoria contou con 82 persoas inscritas, pero presentáronse 73 aspirantes a un proceso selectivo que constou dunha parte teórica e outra práctica.
Os auxiliares seleccionados pasan a reforzar o cadro de persoal fixo da Policía Local, formado por 23 policías e cinco auxiliares de policía fixos descontinuos. Os aspirantes superaron as tres probas incluídas no proceso de selección: un cuestionario de 50 preguntas tipo test, unha proba de coñecemento de galego e outra centrada nas súas aptitudes físicas. Os que superaron o proceso de selección deben completar un curso teórico-práctico obrigatorio, impartido pola Agasp, para poder seren contratados, e que consta de 24 horas presenciais.
As probas prácticas realizáronse no campo de fútbol de Baltar e as teóricas, no salón de actos do Auditorio Emilia Pardo Bazán. Os primeiros 13 auxiliares de policía incorporaranse o 15 de xuño e os outros 13 farano a partir do 1 de xullo.