O Salón de Plenos do Concello serviu hoxe de tribuna para abordar: “Debería limitarse o turismo nas zonas naturais para protexer o contorno e os dereitos das comunidades locais?”
Sanxenxo, 19 de maio de 2026.- Alumnos de 5º e 6º de Primaria do colexio Magaláns, convidados pola concelleira de Educación, Nati Parada, expuxeron esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Sanxenxo o seu proxecto finalista sobre turismo no XI Torneo de Debate organizado polo colexio SEK Atlántico. Unha cita de referencia a nivel estatal por ser pioneira na etapa de Educación Primaria, na que o centro educativo de Dorrón obtivo un segundo posto. O tema de debate era: “Debería limitarse o turismo nas zonas naturais para protexer o contorno e os dereitos das comunidades locais?”.
Un equipo en contra, formado por Pablo Martínez, Sabela Blanco, Uxía Pérez e Adrián Rial; e outro equipo a favor, formado por Claudia Montes, Manuel Rodríguez, Diego Maquieira e Alberto Rodríguez, defenderon as súas posturas ante compañeiros e representantes do sector turístico como o director comercial de Viajes InterRías, Fabián Buezas; o xerente do hotel Mardevela, José Ameneiros; a presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín; e a técnica de Turismo de Sanxenxo, Teresa Salgueiro, así como o concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres.
Os argumentarios, tanto a favor como en contra, baseados en factores económicos, sociais e medioambientais, lograron a aprobación da bancada do sector turístico, que avogou por unha postura intermedia que permita a convivencia sostible entre a actividade turística, a protección do contorno e os dereitos da poboación.
Tras a exposición e unha quenda de preguntas, o alumnado recibiu unha mochila con produtos de Turismo de Sanxenxo e percorreu as instalacións municipais, incluído o despacho do alcalde, Telmo Martín, que se comunicou con eles a través de videochamada porque non se atopaba no municipio. “Noraboa polo proxecto, que me parece moi interesante, e benvidos ao Concello de Sanxenxo, que é a vosa casa”, dixo.