Concello de Sanxenxo - SANXENXO DEGUSTA TAPAS REGRESA Á HOSTALARÍA LOCAL CON 26 LOCAIS PARTICIPANTES E 37 PROPOSTAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O concelleiro de Turismo, Juan Deza, presentou esta mañá a cita no Pazo de Quintáns respaldado polo sector hostaleiro.

Sanxenxo, 21 de maio de 2026.- Sanxenxo Degusta Tapas regresa á hostalaría local para deleite dos comensais con 26 establecementos participantes. O concelleiro de Turismo, Juan Deza, presentou esta mañá a décimo quinta edición da cita no Pazo de Quintáns respaldado polo sector hostaleiro que acudiu con algunhas das tapas que se poderán degustar a partir de mañá venres, 22 de maio, e ata o 7 de xuño.

A cita, que está plenamente consolidada na programación do municipio, destaca pola calidade e a creatividade da restauración local con 37 tapas, 17 tradicionais e 20 creativas. Durante máis de dúas semanas, veciños e visitantes poderán percorrer os diferentes establecementos do municipio e descubrir as súas propostas gastronómicas que se mantén ao prezo de 4 euros (sen consumición). Cada establecemento ofrece aos visitantes a oportunidade de probar estas creacións e participar activamente no concurso.

Para participar nos sorteos e nas votacións, os interesados deben recoller un Degusta Mapa en calquera dos establecementos participantes. Cada visita rexístrase cun selo, e aos 5, poderase optar aos premios. Os participantes poderán gañar estancias en Sanxenxo, pases de spa ou paseo en veleiro, mentres que os primeiros en completar toda a ruta terán a oportunidade de gañar unha cea ou comida para dúas persoas nos locais participantes (ata esgotar existencias).

Nesta edición, para celebrar o XV aniversario, os restaurantes gañadores do concurso recibirán 300 €, 200 € e 100 € nas distintas categorías, para comprar nas prazas de abastos de Sanxenxo e Portonovo, fomentando o uso de produto de proximidade e de calidade.

Os locais participantes son: A Codia, Fonte da Vella, A Taberna da Confradía, Aldea Calma /As Suculentas, Arrocería Bica do Río, Asador Rosendo, Cervecería Azor, Cervecería El Aviador, Cervecería El Puerto, El Puente, Esencia Nosa By Salgadoiro, Gastrobar La Cueva, Hotel Riveiro, La Mar Brava, La Rectoral, Mar do Pintor, Marlima II, O Buraco, O Risonsiño, O Vasko, Pepa Loba, Restaurante El Pescador, Restaurante Xerfa, Taberna Batea, Taberna Lilaina e Terraza del Mar.

0
0
0
s2sdefault