Xunta e Concello renovan o convenio para manter o servizo durante os meses de xullo e agosto con tres liñas.
Sanxenxo, 22 de maio de 2026.- Sanxenxo amplía este verán o servizo de bus urbano municipal ás parroquias de Dorrón e Bordóns cunha nova liña e catro novas paradas (Casa de Cultura, Cruce de Os Cotos, Areas e Nanín). Xunta e Concello acaban de renovar o convenio de colaboración para manter, desde o 1 de xullo, o reforzo estival dos servizos de autobús con tres liñas municipais.
A novidade máis significativa desta renovación é a activación dunha nova liña circular que comunicará Bordóns e Dorrón con Portonovo e A Lanzada. Esta liña ofrecerá un total de oito servizos diarios, con frecuencia de luns a domingo, e un horario que abrangue desde as 7:55 horas ata as 23:55 horas.
Pola súa banda, a liña circular que unirá Sanxenxo con Vilalonga e A Lanzada contará con 16 servizos diarios comprendidos entre as 8:30 horas e as 00:30 horas. Ademais, a liña que conectará Sanxenxo con Portonovo e A Lanzada ofrecerá oito servizos ao día entre as 09:00 e as 23:00 horas. En total, prestaranse 32 servizos ao día de luns a domingo.
Entre os principais obxectivos deste servizo destacan a redución do uso de vehículos particulares, o fomento da mobilidade sostible no municipio e a atención ás necesidades de mobilidade xeradas pola actividade turística. Como resultado deste acordo, nos meses de xullo e agosto estarán en funcionamento tres liñas circulares que conectarán os principais puntos de interese do municipio, incluíndo os núcleos urbanos e as contornas das praias e dos espazos naturais.
Vantaxes e descontos
O Concello de Sanxenxo continuará asumindo a responsabilidade do financiamento do SIMU, cuxo custo ascende aproximadamente a 65.000 euros. Nestes servizos, a Xunta aplica os descontos e bonificacións activos en todo o transporte público autonómico, polo que os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, e todas as persoas maiores de 65 anos viaxan gratuitamente grazas á Tarifa +65. “Animo a todos os veciños a facer as tarxetas de desconto porque benefícianse directamente eles, pero tamén indirectamente, porque ao Concello se lle descontan os custos desas viaxes”, explica o alcalde, Telmo Martín.