Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LICITARÁ A SEGUNDA FASE DO MERCADO DE ABASTOS DE SANXENXO POR 5,4 MILLÓNS DE EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo de execución da obra estímase en 16 meses.

Sanxenxo, 22 de maio de 2026.- O Concello de Sanxenxo licitará a segunda e última fase do mercado de abastos de Sanxenxo por 5,4 millóns de euros. O prazo de execución da obra estímase en 16 meses e inclúe o novo edificio e a humanización da contorna. Mañá, luns 25, irá a Pleno ordinario a proposta de Alcaldía para a aprobación do proxecto e a delegación para a contratación.

Unha nova infraestrutura coa que se busca dinamizar a actividade comercial e social, así como ampliar o núcleo comercial cara este tramo da Rúa Madrid. Unha gran praza na fronte do edificio será a clave para a pacificación e rexeneración do espazo urbano da Rúa Madrid desde a Rúa Panadeira ata o seu encontro coa Rúa Progreso.

Tras unha primeira fase na que se soterróu o tráfico, a través dun paso inferior no que xa se contemplou espazo para un futuro estacionamento público con 32 prazas, así como o acceso ao mercado e ás plantas superiores, o Concello vai sacar a contratación o novo edificio de cinco plantas que albergará o mercado de abastos, dependencias municipais, unha biblioteca e unha aula de estudo e un espazo de restauración.

O edificio contará coas seguintes plantas:

• Un soto de 1.447 m², distribuídos en accesos rodados, aparcadoiro, almacéns e salas de máquinas.
• Unha planta baixa de 494 m² e un entrechán de 324 m² que acollerá o mercado de abastos.
• A primeira planta (541 m²) acollerá as dependencias municipais.
• A segunda e terceira planta (1.082 m²) albergarán a biblioteca e a sala de estudos.
• Baixo cuberta con espazo de terraza (319 m²) onde haberá un espazo de restauración.

Un dos elementos característicos da proposta gañadora do concurso de ideas, “Los Lunes al Sol”, asinada polo arquitecto catalán Tony Bosch, son as súas tres fachadas acristaladas. Co obxectivo de que o edificio cumpra con todos os parámetros de eficiencia enerxética e climatización interior colocaranse 116 paneis fotovoltaicos. Deste xeito, instalarase un sistema de ventilación e climatización por aerotermia con bombas de calor independentes por planta.

0
0
0
s2sdefault