Concello de Sanxenxo - OS AXENTES ABELARDO MARTÍNEZ, LUISA FARIÑA E SONIA ROMERO PROTAGONIZAN O DÍA DA POLICÍA LOCAL EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Durante o acto concedéronse recoñecementos a membros da Garda Civil e a oito policías locais xubilados

Sanxenxo, 24 de maio de 2026.- A Policía Local de Sanxenxo celebrou esta mañá o día da súa patroa, María Auxiliadora, cun acto presidido polo alcalde, Telmo Martín, no salón de actos do Auditorio Emilia Pardo Bazán. A xornada comezou cunha misa no Templo Novo para posteriormente continuar coa formación dos axentes antes da entrada ao edificio.

Durante a súa intervención, Martín destacou que “sodes o rostro da seguridade, a tranquilidade e a hospitalidade nas nosas rúas” e incidiu en que “a nosa realidade esixe que nos transformemos. Pasamos de atender unha poboación de 18.000 habitantes a máis de 120.000 cos visitantes durante a tempada alta. Esa enorme presión demográfica só se xestiona con éxito grazas á vosa profesionalidade, flexibilidade e entrega”. Tamén destacou o esforzo de contar cunha Policía Local as 24 horas do día os 365 días do ano como “exemplo de compromiso por parte do Concello”.

O alcalde aplaudiu a boa colaboración entre as forzas de seguridade. “Facer de Sanxenxo un pobo seguro non é froito da casualidade. É o esforzo e o traballo coordinado entre a Policía Local e a Garda Civil. A vosa presenza infunde confianza tanto ao veciño como ao visitante que nos escolle para descansar e desfrutar”, sinalou.

O inspector principal xefe da Policía Local, José Manuel Duarte, destacou o labor do equipo e a sensibilidade do alcalde coa Policía Local. Tampouco esqueceu os policías locais xubilados, tamén homenaxeados no acto.

Durante o acto distinguiuse coa Medalla ao Mérito Policial a Abelardo Martínez, coñecido como o “Poli Paco”, “pola súa dedicación absoluta e divulgación da educación viaria a nenos e maiores coa que levou o nome de Sanxenxo por todo o territorio nacional con excelentes resultados e recoñecementos”; a Sonia Romero polo “rigor na execución das funcións atribuídas, así como polo esforzo, constancia, tenacidade, empeño, e por todos os retos que superou ao longo da súa traxectoria” e a Luisa Fariña polo seu empeño “en sacar adiante e con eficacia as responsabilidades atribuídas a este servizo, sobre todo en momentos difíciles, xa pasados, nos que debeu dar un paso adiante e asumir a lideranza do grupo”.

Tamén se felicitou publicamente ao tenente do Posto Principal de Sanxenxo, David Marín, porque “baixo o seu mando, a colaboración institucional deixou de ser un protocolo para converterse nunha irmandade operativa, fluída e, sobre todo, humana”; ao brigada do Posto Principal de Sanxenxo, Juan Manuel Fernández Touza, porque o seu “compromiso merece ser recoñecido non só polo que fan, senón por como o fan, por seren exemplo desa lealdade que non entende de uniformes distintos” e ao garda Vicente Barreiro por ser “peza fundamental na engrenaxe de seguridade de Sanxenxo, cuxa operatividade e humildade converteron a colaboración entre os nosos corpos nunha irmandade inquebrantable”.

Tamén se recoñeceu o labor dos policías locais xubilados Manuel Ferreiro, Carlos Dacosta, Luis Marcial Rey, Faustino Balea, Celso García, José Juan Suárez, Manuel Fernández Torres e Juan Riveiro.

0
0
0
s2sdefault