Concello de Sanxenxo - A COPA GALICIA DE J80 MARCA O COMEZO DA SEMANA ABANCA EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

• Por vez primeira nos seus 27 anos de historia, a Semana Abanca comezará na ría de Pontevedra, e farao en Sanxenxo, da man do Club Náutico de Portonovo.

• Será a primeira edición dunha Copa Galicia de J80, con representación das principais frotas do Atlántico como o Grupo Bazán de Ferrol, o Náutico da Coruña, o Náutico Marina Coruña, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club Náutico de Portonovo e o Monte Real Club de Yates de Baiona, entre outros.

Celebrouse no Concello de Sanxenxo a posta de longo da Semana Abanca, que será a primeira vez nos seus xa 27 anos de historia que comece nas augas da ría de Pontevedra. Farao da man do Club Náutico de Portonovo cunha proba inédita no calendario das Reais Federacións Española e Galega de Vela: a Copa Galicia de J80, o monotipo de referencia, que subliñou con éxito a convocatoria dun dos clubs de Sanxenxo co apoio federativo, así como da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo, Abanca, Gadis e Coca-Cola.

O acto estivo presidido polo concelleiro de Deportes do municipio pontevedrés, Marcos Guisasola, que estivo acompañado por Raúl Albores, de Abanca; así como polo comodoro do Club Náutico de Portonovo, Fernando Olmedo, e pola presidenta do Club Marítimo de Vigo, Zulema Prado Quiroga, que o é do Comité Organizador da Semana Abanca.

Confirmaron a súa participación as principais frotas do noroeste: é o caso do Grupo Bazán de Ferrol, o Real Club Náutico da Coruña, o Club Náutico Marina Coruña, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club Náutico de Portonovo e o Monte Real Club de Yates de Baiona.

Na liña de saída estarán o Meltemi, de Guillermo Blanco, do Náutico herculino; o Moura, do Marina Coruña, que preside o gran Chuny Bermúdez de Castro; ou o Grupo Bazán, con Joaquín Juan Martínez á cana. Pola ría pontevedresa confirmaron a súa presenza Jaime Barreiro co Cactus Digital-Petrilla de Portonovo, e polo menos do outro club da zona, o Real Club Náutico de Sanxenxo, participarán Laotra, con Pablo Rodríguez aos mandos, e o One, de Adrián Domínguez.

Outros dos que estarán en competición serán unidades do Monte Real Club de Yates de Baiona, que conta coa frota máis potente de Galicia e que confirmou ata o momento seis monotipos, como o Namaste, patroneado polo secretario da clase J80, Luis de Mira; o Maija, de Ignacio Alzueta; ou o Tres60, de Nano Yáñez.

O apartado técnico estará en mans de tres grandes xuíces e xurados: o ferrolán Pedro Fernández Alarcón, actual presidente do Colexio Galego, e os pontevedreses Miguel Cons e Agra. Serán dúas xornadas, con comezo o sábado ás dúas da tarde e o domingo ás doce, e están previstas ata seis mangas. En todo caso, a clausura desta primeira edición da Copa de Galicia con rango de Open España está prevista para as sete e cuarto da tarde nos salóns do Náutico de Portonovo.

0
0
0
s2sdefault