Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLERÁ O VINDEIRO 16 DE XUÑO UNHA GALA DE ENTREGA DOS PREMIOS SICTED NO PAZO DE QUINTÁNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A proposta foi presentada esta mañá na Mesa de Turismo cunha boa acollida por parte de representantes do sector turístico

Sanxenxo, 24 de maio de 2026.- O Pazo de Quintáns acollerá o vindeiro 16 de xuño a Gala dos Premios Sicted para recoñecer o esforzo pola excelencia e a sustentabilidade de 83 empresas do sector turístico. O asunto abordouse esta mañá durante a celebración dunha Mesa de Turismo presidida polo alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Turismo, Juan Deza, e na que estiveron o presidente do CETS, Alfonso Martínez; a presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín; a xerente de Entretendas, Conchi Horro; o director comercial de Viaxes InterRías, Fabián Buezas; o director do Hotel Carlos I, Leonardo López; o xerente do Mardevela, José Ameneiros, e a técnica de Turismo de Sanxenxo, Teresa Salgueiro.

O Concello cumpre nesta edición 22 anos sendo ente xestor deste distintivo de calidade nacional emitido pola Secretaría de Estado de Turismo. Nestes momentos hai distintos establecementos do sector turístico que apostan por este selo de calidade: hoteis e apartamentos (48), praias (16), restaurantes (5), bares ou cafeterías (3), comercio (3), axencias de viaxes (3), oficina de turismo (1), porto deportivo (1), cámping (1) e adegas (2).

Durante a gala, coincidindo co décimo quinto ano do Degusta Tapas, o Concello premiará os locais participantes máis votados con cheques compra para que poidan realizar compras nos mercados de abastos de Sanxenxo e Portonovo.

Na Mesa de Turismo tamén se abordou a mellora da mobilidade prevista para este verán coa ampliación das rutas do bus circular durante os meses de xullo e agosto, que chegará a Bordóns e a Dorrón, mantendo as que unen Sanxenxo con Vilalonga e Sanxenxo con Portonovo e A Lanzada. Tamén se trataron posibles actuacións a realizar pola administración para axilizar o tráfico de taxis en determinados picos horarios no verán e propuxéronse outras alternativas que redunden nunha mellora da mobilidade durante a campaña estival.

Outra das propostas que se analizou coincidindo hoxe co primeiro voo a Santiago procedente de Nova York foi a promoción de Sanxenxo como destino na cidade americana.

0
0
0
s2sdefault