Máis de 280 alumnos de FP de Automoción de toda Galicia participan na cita organizada polo IES Vilalonga e o CIFP Fontecarmoa
Sanxenxo, 28 de maio de 2026.- A Praza do Mar de Sanxenxo acolle hoxe e mañá o III Congreso de Mobilidade Sostible en Medios de Transporte organizado polo IES Vilalonga e o CIFP Fontecarmoa. O alcalde, Telmo Martín, inaugurou a cita xunto á directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e os directores de ambos centros educativos. No foro participan 290 profesores e 280 alumnos de FP de Automoción de toda Galicia. “Os que estades estudando Formación Profesional sodes unha parte fundamental no desenvolvemento dun país. Facedes moita falta así que aplicádevos ben, aproveitade este foro e aprendede moito”, dixo o alcalde.
Ao longo destes dous días abordaranse, en bloques de mañá e tarde, relatorios sobre a última tecnoloxía en automoción con profesionais punteiros na Flash Charging e recarga ultrarrápida, así como probas prácticas coa competición de Barreiros e-Motion FP, Sanxenxo Test Series Circuíto Urbano no recinto da Praza do Mar. Tamén haberá mesas sobre hidróxeno verde e o presente e futuro da mobilidade, así como avarías nos Tesla ou demostracións de extinción de incendios con EXOdos COMPAC.
Na sala de exposición exterior atópase o proxecto do IES de Vilalonga ARDIA FP – Arco de Diagnose Automatizado de Vehículos. O sistema combina visión artificial de alta resolución, sensores de presión e micrófonos avanzados para detectar danos estruturais, mecánicos ou de pintura. Ademais, grazas ao uso de algoritmos de aprendizaxe automática e ao recoñecemento automático de matrículas, o arco optimiza os tempos de estancia no taller, mellorando a eficiencia operativa baixo o paradigma da Industria 5.0.
En dúas salas cedidas polo Real Club Náutico, os alumnos de último curso realizarán charlas con empresas do sector para analizar o perfil e as necesidades de cada empresa coa vista posta nun próximo contrato de traballo.