O alcalde, Telmo Martín, recibirá a José Luis Martínez no Concello xunto á familia da noallesa Sandra Patiño, que padece cancro.
Sanxenxo, 29 de maio de 2026.- Un veciño de Valencia, José Luis Martínez, percorrerá un total de 1.016 quilómetros, desde Ayora ata Sanxenxo, por unha causa solidaria: recadar fondos para a loita contra o cancro. A iniciativa xurdiu a raíz da súa amiga Sandra Patiño, veciña de Noalla e enferma de cancro, como unha forma de animala na súa loita contra a enfermidade. “A pesar de que está casada cun veciño de Ayora, sempre leva a Noalla no corazón e, sempre que pode, marcha para Galicia. Por iso ocorréuseme esta idea e a ela iluminóuselle a mirada cando llo dixen. Só por iso xa paga a pena”, asegura.
José Luis Martínez saíu esta mesma mañá de Ayora apoiado por veciños da localidade, que o acompañan nun tramo da ruta, e pola propia Sandra Patiño, para iniciar a súa encomiable aventura, que o levará a percorrer máis de 1.000 quilómetros en bicicleta. O alcalde, Telmo Martín, acompañado por membros do goberno local, recibirao no Concello de Sanxenxo o vindeiro sábado, 6 de xuño, arredor das 18:00 horas, xunto a familiares e amizades de Sandra Patiño. “Sempre me gustou a bicicleta e encarguei un maillot que leva o nome de Sandriña e as bandeiras de Ayora e Sanxenxo”, explica.
As persoas que desexen colaborar con esta iniciativa poden facelo a través do seguinte número de conta: ES19 3058 0990 2827 6573 9043. “É unha conta exclusiva creada para esta ruta e o recadado destinarase integramente á Asociación Contra o Cancro”, sinala José Luis Martínez.