Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ABRE O PRAZO PARA A SOLICITUDE DE AUTORIZACIÓN DAS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN E SAN PEDRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 1 de xuño de 2026.- O Concello de Sanxenxo abre hoxe o prazo para solicitar autorización para a realización das fogueiras de San Xoán e San Pedro ata os próximos 18 e 25 de xuño, respectivamente. Un ano máis, previa solicitude de autorización, permitirase a realización de fogueiras unicamente en tres praias durante a noite de San Xoán: Panadeira, Silgar e Caneliñas. As persoas particulares que desexen realizar fogueiras nas súas fincas particulares ou en prazas públicas tamén deberán solicitar permiso para ambas festividades.

Ademais do Rexistro Municipal, tanto por vía electrónica como presencial, as persoas interesadas poderán tramitar a comunicación previa para as fogueiras de San Xoán e San Pedro, de forma excepcional, nas oficinas de Medio Ambiente de Vilalonga. Unha vez realizado o trámite, a persoa responsable deberá asinar a normativa de obrigado cumprimento.

A Concellería de Medio Ambiente elaborará unha listaxe cos participantes e os lugares das fogueiras para entregala á Policía Local e a Emerxencias de Sanxenxo. Ambos os departamentos municipais coordinarán o dispositivo de vixilancia e control durante a noite do 23 ao 24 de xuño.

Ademais, o Concello porá en marcha un operativo especial da Policía Local, dos servizos de emerxencia e do servizo de limpeza. O horario de vixencia das autorizacións será exclusivamente para a noite do día 23, desde as 22:00 horas ata as 06:00 horas do día 24, período no que quedará prohibido o baño. As persoas autorizadas poderán baixar o material á praia a partir das 21:00 horas. Ás seis da mañá procederase ao desaloxo das praias para realizar a súa limpeza e garantir que estean en perfectas condicións a primeira hora do día.

Por motivos de seguridade, non estará permitido o uso de tendas de campaña nin de faroliños voadores. Outras medidas preventivas inclúen a colocación de valados para delimitar os espazos autorizados e bidóns para a recollida das cinzas. Entre os requisitos esixidos para poder realizar as fogueiras nestes areais atópase a queima exclusivamente de leña limpa e, en ningún caso, de materiais plásticos, madeiras pintadas ou con cravos. Tampouco se poderán levar ás praias botellas nin vasos de vidro, nin reproducir música cun volume que poida molestar ás zonas residenciais.

Cando a fogueira se realice sobre terreos públicos asfaltados, enlousados ou pintados, deberá protexerse o pavimento cunha capa de area en toda a superficie da fogueira. Os materiais non poderán amorearse a máis de tres metros de altura nas fogueiras realizadas en espazos privados nin superar os 1,5 metros de altura nas autorizadas en praias e espazos públicos.

0
0
0
s2sdefault