Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DECLARARÁ ZONAS DE PROTECCIÓN ACÚSTICA AS VILAS DE SANXENXO E PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 1 de xuño de 2026.- Co obxectivo de compatibilizar a actividade lúdica e de ocio co descanso de veciños e visitantes, o Concello declarará zonas de protección acústica especial a contorna do porto deportivo de Sanxenxo e seis rúas da vila de Portonovo. A proposta, que será levada a Pleno, prodúcese tras os resultados obtidos no estudo e análise realizados pola consultora técnica en acústica Virocem, nos que se constata “a superación dos obxectivos de calidade acústica para zonas urbanas”.

As zonas de Sanxenxo incluídas nesta cualificación son o porto deportivo de Sanxenxo, a Rúa dos Barcos, a Rúa Augusto González Besada, a Rúa da Igrexa, a Rúa Harmonía e a Rúa Sol. En Portonovo, inclúense a Rúa Méndez Núñez, a Rúa Santa Catalina, parte da Travesía Santa Catalina, a Avenida da Mariña e a Rúa da Victoria.

A declaración destas zonas de protección acústica especial permitirá ao Concello adoptar as medidas correctoras necesarias para acadar os obxectivos establecidos. Entre as actuacións previstas poderían incluírse:

• Suspensión da concesión de novas licenzas de actividade que poidan agravar a situación.
• Restrición de horarios para actividades responsables da contaminación acústica.
• Limitación ou prohibición da instalación de terrazas (mesas e cadeiras) na vía pública.
• Obriga de instalar limitadores-rexistradores de son con transmisión de datos á Policía Local.
• Restricións ao tráfico rodado nas rúas afectadas.

O control do son realízase de forma periódica a través dunha plataforma dixital que permite vixiar en tempo real os niveis de ruído nos locais de ocio nocturno. Estes establecementos, que xa deben contar con sonómetros e limitadores de volume, estarán conectados á plataforma, desde a que se poderán xerar informes periódicos, así como aplicar as medidas correctoras e sancións pertinentes cando sexa necesario.

0
0
0
s2sdefault