Concello de Sanxenxo - A PRAZA DOS BARCOS ACOLLERÁ ESTE SÁBADO A II FEIRA DO MEDIO AMBIENTE CON OBRADOIROS E ACTIVIDADES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 2 de xuño de 2026.- Sanxenxo acollerá este sábado a II Feira do Medio Ambiente, centrada nos efectos globais do cambio climático, a mitigación das súas consecuencias e a aceleración da acción climática real. A actividade, impulsada pola Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Yago Torres, desenvolverase na Praza dos Barcos entre as 11:00 e as 14:00 horas. A iniciativa reunirá diferentes entidades, administracións e colectivos comprometidos coa protección ambiental a través de postos informativos, actividades divulgativas, obradoiros e campañas de sensibilización dirixidas a toda a cidadanía.

A partir de mañá, o Pazo Emilia Pardo Bazán acollerá a exposición “Emerxencia climática: Feitos e datos”, cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). A mostra, enfocada desde a educación ambiental e baseada en información científica contrastada, pretende proporcionar os fundamentos básicos que explican a actual crise climática.

O Concello de Sanxenxo organizará diversos obradoiros de sensibilización ambiental relacionados coa fauna silvestre e o aproveitamento sostible das plantas. No espazo dedicado ao coñecemento da fauna silvestre realizarase unha pequena mostra con bibliografía especializada, materiais divulgativos, prismáticos, lupas, reclamos, capturadores de insectos e elementos para evitar a colisión das aves contra os cristais, así como pegadas e outros rastros da fauna.

Entre os obradoiros previstos inclúense a confección de curuxas, a reprodución de pegadas de animais en barro e a elaboración de siluetas para reducir a colisión das aves contra os vidros. No apartado dedicado ao aproveitamento das plantas, o público poderá coñecer diferentes especies aromáticas e medicinais, acompañadas de información sobre os seus coidados, aplicacións e curiosidades. Tamén se desenvolverán obradoiros de estampado de bolsas de algodón con follas e pintura téxtil, elaboración de sementeiros reutilizando papel de xornal e tubos de cartón, así como a creación de saquiños aromáticos.

Entre os participantes da feira estará Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo municipal de abastecemento de auga en Sanxenxo, que desenvolverá a campaña “Coidemos a auga: recicla o teu aceite doméstico”, unha iniciativa de concienciación sobre os efectos negativos das verteduras domésticas, especialmente do aceite usado, na rede de saneamento, nas plantas de tratamento e, finalmente, nos ríos e no mar.

Durante a xornada, as persoas asistentes poderán recoller gratuitamente un funil especial para a reciclaxe do aceite doméstico e material divulgativo con recomendacións para unha correcta xestión destes residuos. Sogama participará coa campaña “Separar depende de ti”, mediante xogos educativos sobre a correcta separación dos residuos para a reciclaxe e agasallos para as persoas participantes.

Ecovidrio desenvolverá unha campaña de fomento da reciclaxe do vidro, tamén con actividades lúdicas e premios destinados á participación cidadá. Pola súa banda, Ecopilas concienciará sobre a importancia da reciclaxe das pilas e do seu correcto depósito, realizando actividades divulgativas e entregando agasallos ás persoas participantes.

A área de Medio Ambiente da Deputación de Pontevedra participará na feira divulgando o proxecto de xestión de residuos “Revitaliza”, centrado na compostaxe e na redución dos residuos orgánicos. Ademais, contará con persoal de CANN, que realizará accións de sensibilización sobre a tenza responsable de mascotas, a adopción e a loita contra o abandono animal.

O concelleiro de Medio Ambiente anima á cidadanía a participar “nunha iniciativa que busca fomentar hábitos sostibles, promover a educación ambiental e avanzar cara a un municipio máis comprometido coa protección do medio natural e a loita contra o cambio climático”.

0
0
0
s2sdefault